CESM defendeu o dereito dos facultativos residentes a ser representados e defenderá os seus dereitos laborais

Administración e sindicatos acordaron en 2015 que os MIR participasen nos procesos electorais para estar representados
Publicado por o día 08/05/2019 na sección de Cesm-Galicia,Sindicatos

CESM defendeu o dereito dos facultativos residentes a ser representados e defenderá os seus dereitos laborais

A Delegación da Confederación Estatal de Sindicatos Médicos en Galicia ( CESM Galicia) defendeu ata o último momento os dereitos dos facultativos residentes a participar nas próximas eleccións sindicais ante a reclamación presentada por USAE, para que así puidesen ter representación nas mesas de negociación e nas xuntas de persoal, órganos nos que se discuten, debaten e acordan todas as obrigacións e dereitos do persoal sanitario.

A impugnación cursada por USAE pola presenza dos MIR, FIR, PIR, BIR e EIR nas listas electorais sindicais, para a elección dos representantes dos traballadores o próximo día 23, derivou nun laudo arbitral para resolver a discrepancia exposta, que finalmente deu a razón a CESM.
CESM Galicia presentou unha serie de alegacións argumentando que tanto a Administración sanitaria como o resto dos sindicatos presentes na Mesa Sectorial acordaron en decembro de 2015, por unanimidade, manter a capacidade das Xuntas de Persoal e a Mesa Sectorial do SERGAS para negociar as condicións laborais e retributivas do persoal residente en formación, coa consecuente participación dos profesionais deste colectivo nos futuros procesos electorais para Xuntas de Persoal do Organismo Sanitario.
O pasado 19 de febreiro na Mesa Sectorial acordouse establecer as unidades electorais do proceso en curso nos distintos distritos sanitarios, que inclúen tanto a persoal estatutario como ao persoal residente en formación, ‘co fin de manter a representatividade dos profesionais do SERGAS en atención ao seu número e peculiaridades’. O departamento xurídico de CESM Galicia argumentou, ademais, que o persoal en formación presta servizos para o SERGAS baixo a súa capacidade de dirección e xestión, abonando este as nóminas tanto ao persoal estatutario como ao persoal residente en formación, e por tanto o persoal en formación é persoal do SERGAS para todos os efectos, como recolle o artigo 2.3 do Estatuto Marco, que contempla a Lei 55/2003.
A Delegación da Confederación Estatal de Sindicatos Médicos de Galicia defendeu por todos os medios que os facultativos en formación teñan representación nas mesas de negociación onde se acordan as obrigacións e dereitos que terán ao longo dese período e congratúlase de que finalmente poidan formar parte das próximas eleccións sindicais do día 23 de maio, comprometéndose con eles a defender firmemente os seus dereitos laborais.
CESM Galicia considera, neste sentido, que os facultativos en formación deben ter os mesmos dereitos que o persoal estatutario, evitando situacións ilegais como a falta de descansos compensatorios tras garda de 24 horas, xornadas semanais de máis de 37,5 horas ou denegación de permisos de formación, entre outras cuestións.
Ademais entende a Central Sindical que é necesario aumentar o número de prazas de formación, evitar as homologacións fraudulentas para potenciar o emprego dos nosos especialistas acreditados e sobradamente formados. Por último entende que é preciso fomentar a figura do “colaborador docente” aplicando medidas incentivadoras da mesma e garantir a calidade formativa.