CESM denuncia ‘presuntas contratacións ilegais’ de médicos sen especialidade na EOXI de Santiago

As sospeitas alcanzarían á Área da Coruña e poderían estenderse ao resto de Galicia
Publicado por o día 06/02/2019 na sección de Cesm-Galicia,Sanidad,Sindicatos

CESM denuncia ‘presuntas contratacións ilegais’ de médicos sen especialidade na  EOXI de Santiago

A Delegación da Confederación Española de Sindicatos Médicos (CESM) en Galicia quere denunciar a ‘presunta contratación de polo menos 5 persoas na área Sanitaria de Santiago, que estarían a exercer como médicos de familia ou pediatras sen contar co título de especialista ou coa homologación correspondente’.

CESM fai pública esta denuncia despois de que o pasado 30 de xaneiro dirixísese por escrito á Xerencia da EOXI de Santiago, para poñer no seu coñecemento as sospeitas sobre estas contratacións presuntamente irregulares, por mor das queixas e informacións facilitadas por algúns profesionais.

O Sindicato Médico solicitaba á Xerencia que levase a cabo as indagacións oportunas para comprobar se esta situación de ilegalidade estaba a producirse e, se así fóra, que tomase medidas urxentes para acabar con esas irregularidades.
A Central Sindical lembra que os títulos de especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria e Pediatría e Áreas Específicas son requisito imprescindible para poder exercer a medicina e a pediatría en Atención Primaria no Sistema Público de Saúde, como recolle a normativa estatal.
Neste sentido afirma que fará todo o posible para evitar que, tanto médicos sen o seu correspondente título de especialista, como médicos extracomunitarios sen a pertinente homologación oficial exerzan a súa profesión no Sergas.
A Central Sindical expón que a falta de profesionais, aínda que sexa con carácter excepcional, non pode xustificar que se prescinda do título de especialista, xa que ademais de ser ilegal supoñería unha temeridade e unha imprudencia co consecuente risco para a cidadanía.
CESM argumenta que en moitas ocasións esa falta de profesionais vén motivada pola ausencia de medidas encamiñadas á fidelización, incentivación e atracción dos profesionais, que buscan outras alternativas fóra da Sanidade Pública e mesmo fóra de Galicia, ante a precariedade laboral que sofren pola falta de planificación de recursos, a sobrecarga de traballo por acumulacións, vacacións e baixas laborais, que exercen unha tremenda presión sobre estes facultativos.

Por último advirte que, de non darse unha solución urxente á situación por parte da Administración, emprenderán as accións que estimen oportuno para defender os dereitos dos facultativos no exercicio da súa profesión e para garantir a calidade asistencial que os cidadáns merecen.

Comentar noticia

Your email address will not be published.