CETMAR amosará o labor de recollida de lixo mariño na confraría de Vilanova de Arousa no marco do proxecto Marine Litter Style

Os resultados actuais da colaboración das mariscadoras e pescadores desta localidade presentaranse mañá nun taller que se celebrará a partir das 17:00 horas na sede da confraría
Publicado por o día 16/10/2019 na sección de Galicia,Mar,Vigo,Xunta de Galicia

CETMAR amosará o labor de recollida de lixo mariño na confraría de Vilanova de Arousa no marco do proxecto Marine Litter Style

O Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) presentará e analizará os resultados da colaboración das mariscadoras e pescadores da confraría de Vilanova de Arousa nos labores de recollida de lixo realizados no marco do proxecto Marine Litter Style (ML-Style). Farao mañá nun taller organizado polo centro dependente da Consellería do Mar e o pósito de Vilanova que se celebrará a partir das 17:00 horas na sede da confraría.

No obradoiro mostraranse e analizaranse os resultados da colaboración das mariscadoras e pescadores de Vilanova en tarefas de recollida e estudo do lixo mariño e abordaranse aspectos ambientais relacionados con este tema. As orixes desta problemática, os impactos no medio e as boas prácticas para evitar que os residuos relacionados coa actividade marítimo-pesqueira cheguen ao mar son outros aspectos que se abordarán nesta xornada.

O proxecto Marine Litter Style ten como obxectivo a protección do medio e dos recursos mariños mediante a redución do lixo mariño e a través do estudo das posibilidades de valorización dos residuos inorgánicos que se xeran nos portos pesqueiros seguindo os principios da economía circular.

Unha das accións que inclúe céntrase na recollida de lixo mariño coa colaboración das confrarías de pescadores e mariscadoras de dez portos da provincia de Pontevedra: A Guarda, Baiona, Canido, Cangas, Redondela, Portonovo, O Grove, Cambados, A Illa de Arousa e Vilanova de Arousa. Neste sentido, a confraría de Vilanova vén colaborando con este proxecto desde xuño de 2019 e nel tamén participa a frota de arrastre da organización pesqueira Opromar, que descarga nos portos de Vigo e Marín.

Os residuos procedentes do mar son posteriormente caracterizados, e as redes e aparellos de pesca e as botellas de plástico son almacenados para proceder á avaliación do seu potencial de reciclaxe para uso na industria téxtil.

ML- Style é un proxecto financiado por Inditex no marco do Plan de Crecemento Azul do Porto de Vigo e está integrado polo Cetmar, que se encarga da coordinación

técnica, a Autoridade Portuaria de Vigo, a Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra e a empresa redeira J.J Chicolino. Tamén participan nel Portos de Galicia, a Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra e a asociación pesqueira Opromar.

Comentar noticia

Your email address will not be published.