O Centro Tecnolóxico do Mar e os seus socios no proxecto europeo PrimeFish presentarán en Vigo os resultados das investigacións sobre o mercado europeo de produtos do mar cunha conferencia na que participarán máis de 150 representantes do sector pesqueiro e acuícola, autoridades españolas e europeas e organizacións non gobernamentais.
O evento internacional será inaugurado pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, e abordará os retos futuros do sector dos produtos do mar a través da participación do CEO de Nueva Pescanova, Ignacio González; do director da Unidade de Análise Económico, Mercados e Avaliación de Impacto de DG MARE, Frangiscos Nikolian, ou do secretario xeral de CEPESCA, Javier Garat, entre outros.
Xunto a eles, expertos internacionais en competitividade e mercados presentarán os resultados do proxecto respecto aos retos da competitividade, o mercado dos produtos do mar, o rol da sustentabilidade no sector pesqueiro e acuícola, medidas para apoiar o diálogo no sector ou as necesidades futuras de investigación.
Con financiamento do programa europeo Horizonte 2020 e da man de responsables políticos e da industria, o consorcio PrimeFish traballou na análise da cadea de valor dos produtos do mar en máis de dez países e desenvolveu estudos sobre o comportamento dos consumidores en España, Francia, Italia, Alemaña e Reino Unido.
Durante a conferencia final, que dará comezo ás 9 da mañá, tamén terá lugar a presentación do prototipo de software orientado ao mercado especializado de produtos do mar, baseado en big data e innovación, e que apoiará ás empresas na toma de decisións sobre cuestións relacionadas coa competitividade dos seus produtos ou sobre o lanzamento de novos artigos.
Esta ferramenta ofrecerá información adaptada aos usuarios para definir o perfil ideal de consumidor ou determinar canto estarían dispostos a pagar polos seus produtos, así como indicadores sobre competitividade, análises da cadea de valor ou tendencias de prezos.
A solicitude de inscrición para participar na conferencia permanece aberta a través da páxina web do proxecto (http://www.primefish.eu/blog/454), onde figura a axenda e toda a información relativa a este evento internacional no que se falará da competitividade deste sector e dos seus retos futuros.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.