Chaman á solidariedade do celtismo cos despedidos de Citroën

Publicado por o día 23/08/2014 na sección de CIG,Sindicatos,Vigo

Chaman á solidariedade do celtismo cos despedidos de Citroën

A CIG convoca unha concentración ás 20h no acceso á grada de Tribuna.

Coincidindo co primeiro partido de liga que xogará o RC Celta este domingo en Balaídos, a CIG convoca unha concentración para expresar o apoio cos dous traballadores despedidos por Citroën. A protesta terá lugar ás 20h deste domingo diante da porta de acceso á grada de Tribuna. Estas accións engádense ás concentracións diarias ás portas da fábrica que esta semana reanudaba o sindicato nacionalista.

Dous meses de loita

As mobilizacións para reclamaren a readmisión de Paco e David van camiño de cumprir dous meses. Tras o seu despedimento, que cualifican de inxusto e arbitrario, a sección sindical da CIG na empresa iniciaba o pasado 1 de xullo unha folga de fame que se mantivo durante 24 xornadas. Concentracións diarias, dúas manifestacións pola cidade, así como unha intensa campaña axitativa con repartos masivos de follas informativas, coladas de cartaces e pancartas foron os medios empregados durante todas estas semanas para denunciaren a “represión laboral” e o “réxime de terror” que se padece na planta.

O 6 de agosto a empresa negábase no SMAC á readmisión, limitándose a lles ofrecer a indemnización equivalente ás dun despedimento improcedentes, isto é 45 días por ano traballado. Proposta rexeitada de plano polos despedidos que insisten en defender que foron cesados inxustamente. A empresa xustifica a súa decisión nun presunto incumprimento en materia de seguridade, que desde a CIG aseguran non foi quen de demostrar e que en ningún caso afectou aos vehículos fabricados.

O próximo 27 de agosto os protestos desprazaranse até Madrid. Alí desenvolverase unha concentración ás portas da dirección de recursos humanos a nivel peninsular, exixindo unha solución.