Charla-coloquio, co obxectivo de informar á veciñanza de Cangas da decisión da Consellería de Sanidade de trasladar o Centro de Saúde cara A Rúa

Por o 08/01/2019 | Sección: Cangas,Galicia,Sanidad
Charla-coloquio, co obxectivo de informar á veciñanza de Cangas da decisión da Consellería de Sanidade de trasladar o Centro de Saúde cara A Rúa

O próximo xoves 10 de xaneiro, ás 19: 30h, no Salón de Plenos do Concello de Cangas, imos celebrar unha charla-coloquio, co obxectivo de informar á veciñanza de Cangas da decisión da Consellería de Sanidade de trasladar o Centro de Saúde cara A Rúa, obedecendo as recomendacións dun estudo feito pola empresa Gesmédica. En dita cita, contaremos coa presenza de: Jesús Araujo Nores, otorrino e ex-director do Hospital Xeral-Cíes e Lourdes Rial Pardo, enfermeira no Centro de Saúde de Cangas e Concelleira de Mobilidade.

Dende A Voz da Sanidade de Cangas, entendemos que esta é unha charla necesaria e imprescindible, posto que a cidadanía ten dereito de estar informada das propostas que presenta a Consellería como solución ao déficit sanitario do Morrazo, e valorar se tal decisión é axeitada.

Dende setembro de 2017 ata o xuño de 2018, o Sr. Conselleiro enredounos coa escusa de que quería coñecer a fondo os problemas “reais e actuais” do Morrazo. Para isto, o Sr. Almuiña, insistía na importancia da participación de todos os axentes implicados: dirección dos hospitais, 061, Concellos, profesionais, colectivos sociais e cidadanía en xeral. Lamentablemente esta boa intención cae en saco roto e xa non se recorda, porque dende a presentación do Estudo, e tamén posteriormente nas declaracións dadas aos medios de comunicación e nas reunións cos representantes políticos e colectivos sociais, o Sr. Conselleiro, sitúa ó Estudo de Necesidades realizado por Gesmédica como proposta final e inamovible, sen posibilidade de modificacións, que non ten en conta as achegas feitas polos profesionais nin polos colectivos sociais (páxinas 47 e 48 do estudo).

A decisión do traslado do centro de Saúde de Cangas cara a Rúa, así como a reconversión dos servizos de Fisioterapia, Farmacia, Odontoloxía e Bucodental en Áreas Integrais de carácter supramunicipal para a poboación de Cangas e Moaña, é ao noso entender, consolidar a política de recortes destes últimos anos aplicados pola Xunta de Galicia á sanidade pública.

Dende A Voz da Sanidade de Cangas , posicionamonos totalmente en contra do traslado do Centro de Saúde de Cangas. Este plantexamento foi respaldado nun acordo plenario o pasado 28 de setembro, a raíz dunha moción presentada por esta asociación que contaba co aval de outras asociacións de Cangas.

Facemos un chamamento a toda a veciñanza para que acuda e participe na charla-coloquio deste xoves.

Comentar noticia

Your email address will not be published.