Charla-coloquio que organizamos dende a Plataforma a Auga é Vida

Por o 11/04/2019 | Sección: Galicia,Mos
Charla-coloquio que organizamos dende a Plataforma a Auga é Vida
Charla-coloquio que organizamos dende a Plataforma a Auga é Vida este sábado 13 ás 19h no local da Asociación de Veciños Ledicia en Sanguiñeda, Mos. Na charla falaremos das afeccións aos mananciais e pozos das Traídas de auga Comunais  que están ocasionando as obras do campos de futbol e do desastre medioambiental e socioeconómico que ocurriría de perpetrarse a totalidade do pelotazo urbanístico.
AS AFECCIÓNS DO MACRO CENTRO COMERCIAL ÁS TRAÍDAS DE AUGA
BAIXAN AUGAS TURBIAS : Os movementos de terras das obras dos campos de fútbol do Celta no Monte de Pereiras provocaron un aluvión de barro que chegou aos pozos de captación de auga que están ladeira abaixo no Monte de Tameiga. Que pasará cando chova de verdade se xa houbo problemas con só tres días de chuvia? Que pasará cando nas obras comecen a utilizar cementos ou calquera outro produto tóxico?.
O MONTE É VIDA PROTÉXEO: O proxecto do Macro Centro Comercial é unha lousa de formigón sobre as nosas augas, os nosos montes e sobre o noso futuro no concello. Afectará á calidade e á cantidade das augas, ao aire que respiramos e á tranquilidade na que vivimos. Con este proxecto están a roubar parte do noso futuro, é por iso que temos que defender os nosos montes, porque sen eles non hai auga, non hai aire, non hai vida.
NON MÁIS ENGANOS POR FAVOR: Cando Arévalo está en fronte da veciñanza comuneira di que o Macro Centro Comercial só é un proxecto a explorar e que non fará nada sen consenso, pero cando está con Mouriño ao lado das excavadoras vénse arriba e aseguran que o Macro Centro Comercial vaise facer si ou si por moita oposición veciñal que haxa.
EN DEFENSA DA NOSA AUGA: Non fai falla un estudo hídrico para saber que se asfaltas o monte, a auga da chuvia non vai alimentar as escorrentías subterráneas polo que se baleirarán os mananciais, baixará rapidamente o nivel freático da auga no subsolo e iranse secando todos os pozos, primeiro os máis superficiais e logo os máis profundos, pero todos os pozos, tanto os das comunidades de augas como os particulares rematarán secos. A veciñanza comuneira non só perderá toda a súa inversión na súa traída, ademais terán que pagar o triplo por tragar auga do Oitavén con sabor a cloro.

Comentar noticia

Your email address will not be published.