Chega a andaina simultánea en Vigo e Pontevedra para conmemorar o Día Mundial das Cidades “e reflexionar sobre un futuro urbano máis sostible”

A camiñada percorrerá este mércores os lugares máis representativos de ambas cidades e estará conducida por unha ou un guía que explicará a súa historia e evolución
Publicado por o día 12/11/2019 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Pontevedra,Vigo

Chega a andaina simultánea en Vigo e Pontevedra para conmemorar o Día Mundial das Cidades “e reflexionar sobre un futuro urbano máis sostible”

A Deputación de Pontevedra realizará este mércores, 13 de novembro, unha andaina simultánea en Vigo e Pontevedra para sumarse por vez primeira á conmemoración do Día Mundial das Cidades, que a ONU promove cada 31 de outubro desde o ano 2013 e que este ano ten como lema “Mellor cidade, mellor vida. Solucións innovadoras e unha mellor vida para as futuras xeracións”. Hai que lembrar que esta camiñada, que se enmarca nos eixes do Goberno provincial relacionados co desenvolvemento sustentable e a aposta pola transición ecolóxica, estaba prevista para o día 30 do mes pasado, aínda que as malas condicións meteorolóxicas obrigaron a pospoñela.

A andaina comezará ás 12 horas e en ambas cidades terá un percorrido circular. Xa está confirmada a asistencia de máis de trescentas persoas, entre os que se inclúen cidadás e cidadáns pertencentes a diversos colectivos sociais e alumnado de centros educativos, aínda que o evento está aberto para que se sume a cidadanía en xeral. A camiñada en Pontevedra e Vigo realizarana acompañados por unha ou un guía que dará a coñecer os lugares máis representativos de ambas cidades, así como a súa historia e a evolución que experimentaron.

Así, no caso de Vigo o percorrido comezará na confluencia de Urzáiz e Príncipe e percorrerá esta última rúa, a Porta do Sol, a praza da Princesa, da Constitución, a rúa dos Cesteiros, a praza de Almeida, a praza da Pedra, a rúa Real e a praza da Igrexa. Está prevista a asistencia dos deputados provinciais Carlos Font, Ana Laura Iglesias e Gorka Gómez.

En Pontevedra, o itinerario terá o seu inicio e fin no Pazo provincial. Desde este lugar camiñarase pola avenida de Montero Ríos ata a praza de España, de aí á avenida de Santa María, praza Alonso de Fonseca, rúa Isabel II, rúa Princesa, praza de Curros Enríquez, rúa dos Soportais, praza da Ferrería, praza de Ourense, praza da Peregrina, Oliva, Marqués de Riestra, rúa Enrique Labarta, Xardíns de Vicente ata chegar de novo á sede da Deputación. Nesta andaina participarán as deputadas provinciais Iria Lamas e Noemí Outeda.

Segundo a presidenta da Deputación, Carmela Silva, “esta celebración é unha oportunidade para reflexionar sobre o noso futuro urbano común e construír cidades máis sostibles”. Como sinalou, “máis da metade da poboación mundial vive en cidades e agárdase que esta cifra aumente ata o 68 % para 2050”. Por iso, segundo a Nova Axenda Urbana de Nacións Unidas e en palabras da presidenta, “hai que pensar moito, debater, e traballar para deseñar unha urbanización sustentable, cousa que nesta provincia é moi recoñecida xa que temos moitas cidades e pobos que están a apostar para converter as súas contornas en espazos máis amables”.

Tamén recordou a presidenta que a urbanización “pode traer varios desafíos de sustentabilidade relacionados coa vivenda, o medio ambiente, o cambio climático, as infraestruturas, os servizos básicos, a seguridade alimentaria, a saúde, a educación, o traballo decente, a seguridade e os recursos naturais. Pero tamén pode ser esencial para o desenvolvemento sustentable”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.