Chega á aula hospitalaria do CHUF a maleta das emerxencias pedagóxicas

Publicado por o día 14/01/2019 na sección de Sanidad

Chega á aula hospitalaria do CHUF a maleta das emerxencias pedagóxicas

A maleta das emerxencias pedagóxicas chega á aula hospitalaria do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario, tras un acordo coa Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela. Trátase dunha iniciativa nova, única en Galicia, na que os alumnos de 4º de Pedagoxía desenvolven distintos materiais, xogos e actividades, especialmente pensados e estudados para o alumnado da aula hospitalaria.

Esta mañá, os profesores da USC, Yésica Teijeiro Boó, Jesús Rodríguez Rodríguez e Antía Cores Torres, presentaban os diversos proxectos que integran esta peculiar maleta xunto con 35 alumnos implicados, no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide. Os alumnos e alumnas traballaron nas materias de Pedagoxía Hospitalaria e Deseño e Avaliación de materiais pedagóxicos. As actuacións con estes novos materias realizaranse ó longo deste curso 2018-2019.

Fases e materias do proxecto
Nunha primeira fase deste proxecto, a mestra da aula hospitalaria, Pilar Porta, e os mestres da USC traballaron xuntos cos alumnos durante o pasado mes de outubro. Pilar Porta amosoulles a realidade, peculiaridades e as necesidades funcionais da aula hospitalaria. Nunha segunda fase, houbo un traballo co alumnado en materia de pedagoxía hospitalaria; e, nunha terceira fase, coa materia de Deseño de materiais. Así, durante o primeiro cuadrimestre do curso escolar establecéronse un total de 8 proxectos, en lingua galega para nenos de entre 3 e 14 anos, e categorizáronse en grupos de traballo con finalidades pedagóxicas diferenciadas. En novembro, estes alumnos e os mestres da USC probaron na aula hospitalaria as ferramentas que compoñen a Maleta de Emerxencias Pedagóxicas. Esta mañá, presentouse e fíxose entrega do material cunha presentación do propio alumnado da facultade de cada un dos materias que conterá a maleta.

Estes traballos enfocáronse en temáticas como a música; as emocións, a identificación e control das mesmas; o hospital e os distintos espazos e profesionais; e o contexto, a contorna ferrolá. A árbore dos soños, o Memo-Hospi, O dado das emocións, Os teus dereitos peza a peza, Eu son igual ca ti, Quen é quen en Ferrolterra, Adiviña o que ves, e Afrontando os nosos medos son os 8 proxectos que quedan a disposición dos nenos hospitalizados no Complexo.

Obxectivo: todos aprendemos
Os obxectivos deste proxecto, indican os mestres, é “dar unha resposta educativa, equitativa e de calidade ás necesidades dunha escola hospitalaria”; “fomentar os procesos de comunicación, e participación interdisciplinares”; “introducir a aprendizaxe de competencias dentro dun enfoque útil para os menores hospitalizados”; e “ofertar ós usuarios das escolas hospitalarias ferramentas pedagóxicas axustadas ás necesidades”.

Un dos mestres destacaba, cando se probaron os materias, que é unha “oportunidade única de que os alumnos participen en todo o proceso de creación, deseño, proposta, proba e revisión dun material non comercializado”. Outro dos retos explican “é a coordinación entre dúas materias diferentes da facultade cun fin común”. Prodúcese, engaden, un enriquecemento enorme e conflúen os materiais novos, coa música e a lingüística, ademais da importancia de traballar coas emocións ou con cuestións de xénero ”. Aglutínanse elementos moi importantes e “todos e todas aprendemos moito con este proxecto, alumnado e mestres”. Destacaron esta mañá a implicación dos alumnos da USC en todo o proceso e na adaptación, dende o punto de vista pedagóxico, a características técnicas concretas, como por exemplo, os materias e ás necesidades particulares de nenos hospitalizados. A mestra da aula hospitalaria e promotora do proxecto, Pilar Porta, incidiu na importancia deste tipo de proxectos para que “o neno coñeza os seus dereitos e recoñeza os seus medos”.

Aula hospitalaria e actividades de colaboración
Lembrar que a Aula Hospitalaria funciona nesta área sanitaria dende xuño de 2007, na que se inaugurou. Ten unha capacidade para 30 nenos e nenas entre os 1 e os 18 anos. Por este espazo educativo e lúdico pasan unha media diaria de 5 nenos. Conta cun lugar de reunión de pais e profesionais, con arquivo de material, e xa a Aula Hospitalaria propiamente dita que se divide nunha serie de espazos funcionais. A zona de Educación Infantil está dedicada ós máis pequenos, alumnas e alumnos escolarizados en educación infantil, de tres a seis anos; unha segunda zona de Educación Primaria, pensada para ofertar resposta educativa a un abano de rapaces entre os seis e os doce anos; un recuncho de lectura; e un recuncho de novas tecnoloxías con equipamento para traballos, e con e conexión vía Internet con outras aulas. Normalmente, en horario de mañá, a mestra abrangue os obxectivos de tipo pedagóxico e curricular; e, xa pola tarde, compleméntase este labor con actividades que favorecen que o procese de hospitalización sexa máis ameno.

Ó longo do ano son moitas as actividades que se desenvolven e para iso conta con entidades colaboradoras. Xa existía un proxecto coa UDC, os alumnos e alumnas da Facultade de Enfermaría e Podoloxía de Ferrol e desta aula hospitalaria aprenden xuntos os sistemas básicos do corpo humano a través do programa Aprendemos saúde cos alumnos de Enfermaría, seguindo a liña de colaboración entre o Campus de Ferrol e o Servizo Galego de Saúde. E agora establécese esta nova colaboración, A maleta das emerxencias pedagóxicas, coa USC.

Tamén están os voluntarios da Asociación ADRA, cunha serie de actividades no marco do programa Avó, cóntame e cántame que me encanta, nas que maiores e pequenos comparten teatro, fotos, chistes, contos, e traballos manuais. Esta área foi a primeira en pór en marcha esta iniciativa en Galicia. A aula hospitalaria da Xerencia Integrada de Ferrol comezaba en 2016 con Scrap, actividades de papiroflexia para nenos e pais. Por último, lembrar tamén a colaboración dos voluntarios da Cruz Vermella, que traballan cos cativos e cativas os martes e os sábados, a través de moi distintas actividades.

Comentar noticia

Your email address will not be published.