O sábado 22 ás 21h, o Auditorio Municipal de Cangas acollerá unha función teatral ben especial de Na butaca [fantasía nº3 en dor Maior], de Esther F. Carrodeguas, pois por unha banda, coa peza Concello de Cangas quere conmemorar o Día mundila do Alzheimer e por outra banda, trátase dunha función única, xa que se realizará con piano de cola en directo.
Pepa Barreiro, que xoga na casa pois fai moitos anos que reside en Cangas do Morrazo -onde desenvolveu a maioría da súa traxectoria teatral da man de Teatro de Ningures- compartirá escena esta ve con Peter Jensen Velpister, un verdadeiro virtuoso que acompañará o monólogo teatral en todo momento ofrecendo ao espectador así un espectáculo que por unha banda é teatro e, pola outra, concerto.
Na butaca [Fantasía nº3 en Dor Maior] é unha peza poética que, dende un punto de vista optimista, aborda unha temática que por desgraza a moitos nos toca de cerca: a das persoas que sufren demencia senil ou alzheimer. A obra, partindo da idea do vivir no presente dunha personaxe sentada na butaca e esquecida -perdida do seu pasado e do seu futuro, tamén- achéganos a unha realidade que por veces nos amosa paz e outras anguria; felicidade ou rabia. E xunto a ela imos do cómico ao escatolóxico pasando polo transcendente.
Na butaca remata por ser un alegato –poético- a favor da vida vivida no presente. Ao fin e ao cabo, quen non pensou algunha vez que o esquecemento nos faría máis felices?
Á entrada e á saída da representación, os espectadores e espectadoras poderán tamén mercar o libro “Na butaca” de Esther F. Carrodeguas, editado por Galaxia.
En escena: Pepa Barreiro e Peter Jensen Velpister.
Texto e dirección: Esther F. Carrodeguas
Luz: Laura Iturralde
Asesoramento vocal: Cristina Dominguez
Asesoramento corporal: Olga Camaselle
Psicóloga Social (Deseño Teatro Fóro): Amantia Coello
Fotografía cartel: Merce Ares
Vídeo e Fotografías: Lara Bacelo
Tipo de espectáculo: Teatro contemporáneo.
Tipo de público: Adulto




Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.