Chega ao pavillón a II Feira das Ensinanzas Profesionais e Artísticas

Publicado por o día 31/01/2019 na sección de Galicia,Ponteareas

Chega ao pavillón a II Feira das Ensinanzas Profesionais e Artísticas

A Concellería de Ensino do concello de Ponteareas, que dirixe Cristina Fernández, adianta que o vindeiro luns 4 e martes 5 de febreiro terá lugar a II Feira das Ensinanzas Profesionais e Artísticas que o ano pasado contou con máis de setecentas visitas, cifra que este ano agarda superar.

Ante o éxito da primeira edición, Fernández anima a todos os centros educativos da área metropolitana a achegarse ata o pavillón municipal e percorrer os vinte stands nos que coñecer diferentes ramas e ciclos da formación profesional. Os centros interesados deberán reservar visita no número de teléfono 673 080 865.

Co obxectivo de amosar ao alumnado e ao resto da comunidade educativa as posibilidades profesionas e saídas laborais nas que se poden formar, esta segunda feira acollerá demostracións en directo dos traballos que realizarán os futuros profesionais.

Fernández Dávila presenta este ano tres novidosos e creativos stands coa presenza da Escola de Arte Dramático de Vigo, o stand de banda deseñada do Garaxe Hermético que dirixe o debuxante Kiko da Silva e o da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Materiais (única en Galicia e a máis antiga de España).

Aberta tamén ao público en xeral, na segunda feira das Ensinanzas Profesionais e Artísticas poderemos ver demostracións en directo de talla a man de cantería, de coctelería, de cocción de pan, de música, de soldadura, de sanidade, de paisaxismo ou de estética, entre outros traballos para os que se prepara o alumnado de formación profesional.

Plasmar a utilidade dos coñecementos no desenvolvemento da vida diaria é un dos obxectivos da feira na que exporán centros de secundaria, de formación profesional e ensinanzas especiais (concertados, privados e públicos) para informar á comunidade educativa de toda as posibilidades formativas.

O alumnado estará presente en cada stand para amosar a todos os visitantes a súa experiencia acompañado do seu profesorado.

“Que sexan partícipes do seu futuro, que poidan ter información suficiente para tomar a decisión máis axeitada en canto aos estudos que cursar e servir de guía son algunhas das intencións desta feira”.