Chega ao Teatro Afundación de Vigo a ópera Los pescadores de perlas da man da Real Filharmonía de Galicia

O concerto, enmarcado no «Outono lírico» de Afundación, estará dirixido por Paul Daniel e terá lugar o 11 de novembro ás 20.30 h
Publicado por o día 10/11/2016 na sección de Cultura,Vigo

Chega ao Teatro Afundación de Vigo a  ópera Los pescadores de perlas da man  da Real Filharmonía de Galicia

O Teatro Afundación de Vigo (Policarpo Sanz, 13) acollerá, o vindeiro venres, 11 de novembro, ás 20.30 h, a versión concerto da ópera de G. Bizet, Los pescadores de perlas, dentro da iniciativa «Outono lírico». O concerto estará dirixido por Paul Daniel e interpretado pola Real Filharmonía de Galicia. As entradas están xa dispoñibles a través das canles habituais de comercialización da entidade: na web de www.ataquilla.com ou mediante o teléfono 902 504 500. As persoas que sexan socias da Asociación de amigos de la ópera de Vigo poderán gozar dun 20 % de desconto no prezo das entradas.

LOS PESCADORES DE PERLAS

Na illa de Ceilán, a comunidade de pescadores de perlas celebra a elección de Zurga, o seu novo líder. A chegada de Nadir é acollida con xúbilo por Zurga e xuntos rememoran a súa mocidade, na que chegaron a poñerse a mal polo amor dunha bela descoñecida no templo do deus Brahma. Ambos xuran seguir sendo amigos ata a morte. Un pescador anuncia a chegada da sacerdotisa que, coma cada ano, acode para rezar por unha frutífera e segura campaña. Cuberta por un veo, a muller lembra a súa obriga de rogar a Brahma pola seguridade dos pescadores, obtendo a cambio a perla máis fermosa. Pola contra, a violación do seu voto de castidade supoñeríalle a morte.

Este é o argumento da ópera na que participan: a soprano, Ruth Iniesta, como Leila; o tenor, Francisco Corujo, como Nadir; o barítono, Borja Quiza, como Zurga e o baixo, Felipe Bou, como Nourabad. O concerto será interpretado pola Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección de Paul Daniel. Os coros, dirixidos por Nuria Lorenzo, corren a cargo de Gil Appasionati.

A REAL FILHARMONÍA DE GALICIA

A Real Filharmonía de Galicia iniciou a súa actividade en 1996 no Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela, onde presenta a súa tempada estable de concertos. Ademais do mestre compostelán Maximino Zumalave, director asociado e vinculado á RFG desde o seu inicio, e de Christoph König, principal director invitado, tamén dirixen a orquestra outros directores como Frans Brüggen, Juanjo Mena, David Afkham ou Hansjorg Schellenberger, entre outros. Do mesmo xeito xunto á RFG actuaron os mellores intérpretes, por exemplo Frank Peter Zimmermann, Daniel Hope ou Vadim Repin (violín), Natalia Gutman, Lluís Claret ou Enrico Dindo (violoncello), Joaquín Achúcarro, Rudolf Buchbinder ou Eldar Nebolsin (piano) e cantantes como Teresa Berganza, Thomas Quatshoff ou Matthias Goerne.

Como actividade externa, a presenza nas cidades galegas, así como no resto de España, é de capital importancia, do mesmo xeito que as xiras internacionais que realizou (Austria, Alemaña, Francia, Brasil, Arxentina e, especialmente, Portugal).

Paralelamente, a vocación pedagóxica da RFG tradúcese en actividades dirixidas aos futuros profesionais da música, a través da Escola de Altos Estudos Musicais, que imparte o Curso Avanzado de Especialización Orquestral, cos músicos da RFG como profesores. Tamén organiza concertos didácticos para nenos co Auditorio de Galicia, o que posibilita que cada ano ao redor de sete mil escolares poidan coñecer mellor a música sinfónica. A RFG está xestionada administrativamente polo Consorcio de Santiago e forma parte da Asociación Española de Orquestras Sinfónicas (AEOS).