Chega Pontedetapas, a mellor gastronomía local en pequenos bocados

55 establecementos participarán na undécima edición do evento que terá lugar do 2 ao 18 de novembro

Chega Pontedetapas, e xa van once edicións. A concelleira de Promoción Económica e da Cidade, Anabel Gulías, acompañada de varios restauradores e hostaleiros da Boa Vila, presentou o evento, que terá lugar do 2 ao 18 de novembro.

Pontedetapas “ten unha traxectoria moi importante, é un evento que fomos construíndo entre todas e todos e temos que dicir que cada ano sube o nivel de implicación do sector e tamén sube a calidade do que ofrecemos: da tapa e do cóctel” dixo Anabel Gulías, quen subliñou que “tanto é o nivel que durante dous anos consecutivos a Tapa Pontevedra escollida no Pontedetapas foi elixida Mellor tapa de Galicia”.

Un total de 55 establecementos participarán na undécima edición de Pontedetapas, un evento referente da gastronomía local e un activo reclamo do turismo de proximidade.

Este ano competirán no certame 73 elaboracións: 34 tapas tradicionais, 25 tapas creativas e 14 cócteles. Serán en total dezasete días (con tres fins de semana completas) para degustar o mellor da nosa gastronomía local en pequenos bocados e a pequenos prezos: dous euros por tapa e tres euros por cóctel.

Como en anteriores edicións, a votación popular será a responsable de decidir a Tapa Pontevedra. O gañador deste premio representará á cidade no certame De Tapas por Galicia, promovido por Turismo de Galicia para escoller o mellor petisco entre os gañadores dos concursos de tapas das sete grandes urbes galegas. Precisamente, a Tapa Pontevedra Vieira afumada carballoelaurel sobre arroz de algas de El Cafetín de la Alameda foi escollida como a mellor tapa de Galicia o pasado ano.

O gañador da Tapa Pontevedra tamén terá como premio desenvolver un showcooking na edición do vindeiro ano da feira do gourmet galego Etiqueta Negra, promovida polo Concello de Pontevedra.

A súa vez, un xurado profesional probará de incógnito as propostas previamente seleccionadas polo profesorado do CIFP Carlos Oroza e escollerá os Premios do Xurado: á Mellor tapa creativa, á Mellor tapa tradicional e ao Mellor cóctel.

Pontedetapas conta por primeira vez co patrocinio de Mahou, na aposta da cervexeira pola promoción da gastronomía, e outorgará un premio á Mellor maridaxe con Mahou. O gañador poderá realizar un showcooking no Mercado de Sabores Mahou ou nun evento similar.

Premios para o público

O público así mesmo terá o seu premio. A razón dun único voto por tapa ou cóctel, os clientes poderán votar a través dun cupón de votación, en formato papel, que terán que depositar nas urnas de cada local, ou a través da app propia Pontedetapas. Hai en xogo dous premios de 500 euros en vales para gastar no comercio/mercado local. Un primeiro premio desenvolverase por extracción ao azar dun cupón en formato papel de entre a totalidade dos recibidos. O segundo premio sortearase entre os clientes que voten a través da app Pontedetapas.

Finalmente, volverase a editar o Pasaporte Pontedetapas que garante un regalo seguro: unha cea para dúas persoas valorada en 60,00 euros, a escoller entre todos os establecementos do concurso, aos dez primeiros consumidores que o presenten selado por todos os locais participantes na Casa da Luz antes do 30 de novembro de 2018.

Toda a información: www.pontedetapas.eu

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM