Chelo Loureiro, mención honorífica da sétima edición do Primavera do Cine

A organización do festival entregaralle a mención honorífica na gala inaugural, que terá lugar o 9 de maio ás 19.30 no Auditorio do Concello de Vigo.
Publicado por o día 20/04/2018 na sección de Cultura,Galicia,Vigo

Chelo Loureiro, mención honorífica da sétima edición do Primavera do Cine

O Primavera do Cine en Vigo, que celebra a súa sétima edición do 8 o 13 de maio, concederá a mención honorífica a unha das produtoras máis prestixiosas do noso país: Chelo Loureiro. O acto de entrega terá lugar na gala inaugural do certame, o 9 de maio no Auditorio do Concello de Vigo ás 19.30.

Ademais de pola súa prolífica carreira, Juan de Castro, director do certame quere “destacar o seu rol coma profesional de gran experiencia, a súa loita feminista desde a CIMA e terse convertido na gran dama da animación galega ó teren defendido desde sempre o seu recoñecemento coma un xeito máis de facer cine, equiparando o seu valor ó resto de producións”. Tamén se quere premiar o apoio que ofrece ós novos creadores galegos e o seu constante empeño por evitar a fuga de artistas a outros países.

Chelo Loureiro conta con numerosos premios concedidos polas obras cinematográficas que produce como o Goya á mellor curta de animación por Decorado, de Alberto Vázquez, unha fábula existencialista onde os protagonistas, animais antropomorfos, cavilan sobre o destino e a existencia humana e que recentemente foi premiada co Quirino 2018 de Animación Iberoamericana.

A produtora tamén está detrás de The Neverending Wall, de Silvia Carpizo, cinta que se poderá ver nesta nova edición do festival e que, a través dun percorrido pola East Side Gallery de Berlín, postúlase a favor da creatividade e da arte e fai unha crítica contra a censura e contra a destrución da memoria histórica desta gran galería ó aire libre. A obra foi galardoada no Festival Iranian Youth Cinema Society (IYCS), conseguiu o premio á mellor curta de animación do Tehran International Short Film Festival e fíxose coa mención especial do xurado na Muestra Iberoamericana de Animación, ademais de lograr tamén un Mestre Mateo.

Son varios os galardóns que obtivo no premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual ó longo dos últimos anos. En 2017 gañou o premio á mellor curtametraxe de animación con Decorado. No 2013 acadou o mesmo premio grazas a O xigante, de Luis da Matta e Julio Vanzeler, unha emocionante visión do que supón crecer. Con La flor más grande del mundo, de Juan Pablo Etcheverry, unha cinta baseada nun conto de José Saramago, gañou a distinción á mellor curtametraxe en 2007. E en 2006, da man do gran Miguelanxo Prado e De profundis acadou os premios a mellor película e mellor banda sonora.

Mentres espera a estrea da curta animada Patchwork, que retrata a experiencia dun transplante de fígado, de María Manero, actualmente Chelo Loureiro está a producir a curtametraxe de David Fidalgo Homomaquia, e a longametraxe de Alberto Vázquez: Unicorn Wars e nunha fase de desenvolvemento, as longametraxes de Isabel Herguera: O soño da sultana, e das irmás Sonia e Miriam Albert-Sobrino (as AlsoSisters), Melita.

Así mesmo, quérese recoñecer a súa loita pola visibilización das mulleres no eido audiovisual, unha labor que leva a cabo dende a súa posición de delegada para Galicia de CIMA (Asociación de Mujeres Cineastas).

En definitiva, a mención honorífica concedida pola organización do Primavera do Cine recaerá este ano nunhas mans comprometidas, reivindicativas e que tanto aportaron a animación, un cine no que tanto Galicia como Portugal son punteiros e que, sen dúbida, hai que seguir apoiando.