O CHOP acada as 50 hepatectomías laparoscópicas para o tratamento de cancro hepático e metástase hepática de cancro de colon

A unidade de Cirurxía hepática e pancreática do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra vén de acadar as 50 hepatectomías laparoscópicas para o tratamento de cancro hepático e metástase hepática de cancro de colon
Por o 17/03/2017 | Sección: Galicia,Pontevedra,Sanidad,Vigo
O CHOP acada as 50 hepatectomías laparoscópicas para o tratamento de cancro hepático e metástase hepática de cancro de colon
Compartir en:

​A unidade de Cirurxía hepática e pancreática do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra vén de acadar as 50 hepatectomías laparoscópicas para o tratamento de cancro hepático e metástase hepática de cancro de colon.

Esta cifra logra situala como a unidade pioneira en Galicia no emprego de técnicas de cirurxía hepática e pancreática por vía laparoscópica e en tres dimensións, o cal tamén fai posible a súa inclusión dentro dos máis altos estándares de calidade da comunidade sanitaria da Comunidade Autónoma.

Nos últimos anos, a unidade de Cirurxía hepática e pancreática de Pontevedra, coordinada polo doutor Elías Domínguez Comesaña, obtivo excelentes resultados no tocante á cirurxía oncolóxica de fígado e de páncreas. Neste senso, con máis de 500 intervencións realizadas, a do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra é a unidade que máis experiencia ten en Galicia na execución da cirurxía por vía laparoscópica e en tres dimensións aplicada aos ditos casos.

Novas tecnoloxías

A dotación de novas tecnoloxías á área de quirófanos de Pontevedra, tales como a torre de laparoscopia 3D ou o ecógrafo laparoscópico, entre outros, así como a introdución de novos materiais como o ‘handport’, posibilitou a implantación desta técnica minimamente invasora na área sanitaria.

Entre as principais vantaxes que achega o emprego deste tipo de cirurxía nas intervencións acometidas pola unidade de Cirurxía Hepática e Pancreática de Pontevedra destacan a redución da mortalidade, a diminución da dor nos casos de pacientes con cancro hepático ou con metástase hepática de cancro de colon, a obtención dun maior confort e a consecución de mellores resultados cunha técnica minimamente invasora que, cómpre recordar, tradicionalmente se levaba a cabo realizando grandes incisións.