O CHUVI avisa aos móbiles dos acompañantes dos pacientes cirúrxicos da evolución da intervención

​O Hospital Álvaro Cunqueiro está a implantar un novo sistema de avisos aos familiares dos pacientes que están a ser intervidos nos quirófanos
Por o 17/05/2017 | Sección: Sanidad,Telefonía,Vigo,Xunta de Galicia
O CHUVI avisa aos móbiles dos acompañantes dos pacientes cirúrxicos da evolución da intervención
O Hospital Álvaro Cunqueiro está a implantar un novo sistema de avisos aos familiares dos pacientes que están a ser intervidos nos quirófanos. Trátase dunha  plataforma de comunicación baseada no envío de SMS que chegan ao teléfono da persoa que o paciente ou os seus achegados designaron como contacto. O obxectivo desta iniciativa,  non é outro que manter informados aos acompañantes dos pacientes, sen que teñan que estar fisicamente na sala de espera de quirófanos durante todo o tempo da intervención e mitigar a súa inquedanza mentres agardan. Unha medida máis dentro do Plan de Mellora e Escoita Activa, que desenvolve a EOXI de Vigo dende hai tempo.
As mensaxes son enviadas desde o propio ordenador do quirófano mediante a plataforma AVISA_ME, polo que a comunicación entre o equipo cirúrxico encargado da intervención do paciente e a familia é directa e rápida. O persoal autorizado para o envío só ten que introducir o número de contacto facilitado polo acompañante e escoller o tipo de mensaxe que se vai a enviar.
Hai dous tipos de mensaxes segundo a situación en que se atope a intervención. Un, para avisar de que xa rematou: “Informámoslle de que a cirurxía finalizou e estamos a preparar a saída do paciente. Acuda ao punto de información e agarde polo persoal sanitario”. O segundo, para confirmar que se segue a operar ao paciente, empregase nas intervencións longas ou que se prolongan máis do esperado: “Para a súa tranquilidade informámoslle que a cirurxía segue o seu curso. Ao finalizar enviarémoslle unha nova mensaxe”.
O sistema está integrado na plataforma de SMS corporativa do Servizo Galego de Saúde. Desta forma, cada mensaxe chega exclusivamente coa “firma de procedencia” do Sergas e co saúdo final de “Hospital Álvaro Cunqueiro”.
O pasado verán comezaron a realizarse as primeiras probas do sistema, a modo de proxecto piloto en algunhas especialidades cirúrxicas. A acollida foi moi boa tanto por parte do persoal sanitario como dos pacientes e acompañantes.
O sistema inaugurouse o 22 de marzo nas intervencións pediátricas e se obtivo de inmediato una acollida enormemente positiva por parte dos pais. Posteriormente, seguindo un cronograma, fóronse engadindo novas especialidades ao proxecto, como cirurxía vascular, neurocirurxía, uroloxía,  xinecoloxía ou cirurxía xeral. Espérase que a implantación de AVISA_ME na totalidade da área cirúrxica do Hospital Álvaro Cunqueiro estea lista ao longo das próximas semanas, momento no que comezará a súa expansión ás intervencións realizadas no Hospital Meixoeiro.
O servizo ten como único obxectivo mellorar a atención aos usuarios, reforzando a tranquilidade e paliando a inquedanza da espera, sempre tensa, de familiares ou acompañantes, sobre todo nun hospital como o Álvaro Cunqueiro no que se fan cirurxías longas e complexas e, como consecuencia, os acompañantes do paciente teñen que soportar esperas tamén moi longas.
Desta forma os familiares ou achegados poden moverse por outras zonas do hospital, no convencemento de que serán avisados con tempo suficiente para acudir aos puntos de información. A iniciativa enmarcase dentro das medidas de humanización da atención a pacientes e acompañantes que implantou  a EOXI de Vigo dentro do seu Plan de Escoita Activa e supón unha innovación que, non por sinxela, é moi doada para os acompañantes.
Sinalización de cores no chan
Como medida complementaria e para facilitar o acceso aos puntos de información dos cirurxiáns, habilitáronse liñas no chan e carteis nas interseccións dos corredores que conducen ata o bloque cirúrxico do hospital, para que os acompañantes dos pacientes poidan achegarse a ditos puntos sen esperar na sala para ser chamados.
O Álvaro Cunqueiro dispón de 24 quirófanos e dous accesos diferenciados á área cirúrxica. Cada un dos accesos foi identificado cunha cor diferente, co fin de facilitar a orientación dos familiares: azul para as intervencións realizadas na zona “AB”, e vermello para as da zona “CD”. As novas liñas no chan comunican, de xeito sinxelo, cada zona cirúrxica coa sala de espera e o seu correspondente punto de información.
Vantaxes
Os acompañantes dos pacientes encontran, entre as súas vantaxes, a da tranquilidade de saber cando remata a operación e a de que se lles vai informar, sen a necesidade de estar permanentemente na sala de espera ou sempre atentos e vixilantes a calquera persoa que, con uniforme sanitario pase por esa zona. Se evita así a sensación de incerteza de “a ver se non me decato cando me chamen”, o que produce moita inquedanza.
É unha forma máis doada tanto para os familiares dos pacientes como para os cirurxiáns: os primeiros porque só teñen que estar atentos aos seus móbiles, sen a angustia de permanecer la sala de espera durante horas; e os segundos porque poden informar aos pacientes dunha forma máis axeitada, que mellora a privacidade e o bo trato.

Nado en Vigo hai 36 anos. Nacionalista Galego, Fotógrafo, activista defensor dos dereitos humanos e ambientais. Buscando que se recoñeza e respecte os patrimonios da cidade de Vigo.