O CIAE 112 Galicia atendeu unha vintena de incidencias relacionadas coa presenza de neve nas estradas esta madrugada

Por o 08/02/2018 | Sección: Sucesos
O CIAE 112 Galicia atendeu unha vintena de incidencias relacionadas coa presenza de neve nas estradas esta madrugada

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia atendeu durante esta noite unha vintena de incidencias relacionadas coas dificultades que está a provocar a neve e o xeo en diferentes puntos da rede viaria da Comunidade.

Fundamentalmente, estas incidencias, que continúan a producirse arestora, rexistráronse na provincia da Coruña, concretamente no zona do Eume, nos concellos de As Pontes, San Sadurniño, As Somozas, A Capela e Ortigueira; e tamén en Vimianzo, Coirós, Curtis e Mesía.

Nestes dous últimos municipios, as chamadas de condutores con dificultades para avanzar chegaron desde a N-634 e algún vieiro comarcal.

Pola contra, no caso da comarca do Eume, os problemas circulatorios producíronse, segundo a información facilitada ao 112 Galicia por particulares, tanto na autovía AG-64 como na AC-101 e, en Coirós, na A-6.

En menor medida, na provincia de Lugo, especialmente nos concellos de Pol, Friol, O Incio, Monterroso e Vilalba, tamén se rexistraron incidencias causadas polas nevadas, así como pola formación de placas de xeo.

Nesta provincia, cómpre destacar que os efectos deste episodio de meteoroloxía adversa deixáronse sentir desde as últimas horas do día de onte, xa que, no concello de Muras, concretamente no Alto da Gañidoira, varios vehículos quedaron parados na LU-540 pola acumulación de neve. Non obstante, segundo confirmaron os axentes da Garda Civil de Tráfico, as máquinas quitaneves estaban xa traballando, polo que a circulación podería reactivarse en pouco tempo.

Tamén se detectaron problemas a causa da saraiba na LU-160, en Mondoñedo, e na LU-934, entre Sobrado e Friol.

Neste intre, o CIAE 112 Galicia continúa a recibir chamadas de persoas con problemas na circulación tamén na LU-122, en Mondoñedo, ou na estrada que une Baio con Santa Comba, no concello coruñés de Zas. Do mesmo xeito, cómpre salientar que ninguna das incidencias rexistradas ata o momento revisteu gravidade.

Unha persoa resultou ferida de gravidade a causa dun atropelo en Arbo

Os servizos sanitarios de urxencia trasladaron onte a unha persoa que resultou ferida grave tras ser arroiada por un vehículo na rotonda de acceso a Arbo.

Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o accidente produciuse uns minutos antes das nove da noite e ata o lugar desprazouse un equipo de Urxencias Sanitarias, que trasladou ao ferido ao centro hospitalario de referencia.

Pola súa banda, o persoal do CIAE 112 Galicia informou ao servizo de emerxencias de Ponteareas e á Garda Civil de Tráfico.