O CIAE 112 rexistrou preto de 60 incidencias relacionadas coa presenza de neve e xeo nas estradas ao longo desta madrugada

Por o 28/02/2018 | Sección: Sucesos
O CIAE 112 rexistrou preto de 60 incidencias relacionadas coa presenza de neve e xeo nas estradas ao longo desta madrugada

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia rexistrou entre as oito da tarde de onte e as oito desta mañá un total de 57 incidencias relacionadas coa presenza de neve e xeo nas estradas galegas.

O maior número de intervencións producíronse na provincia de Ourense, onde se contabilizaron 23 incidencias, en gran medida ocasionadas pola acumulación de neve en diferentes puntos da rede viaria da provincia.

Algunhas desas incidencias tiveron lugar nas últimas horas de onte no concello de Vilardevós, onde varios condutores atopáronse con dificultades para avanzar a causa das nevaradas. Tamén, a primeiras horas desta mañá, rexistráronse problemas na Gudiña e en Pobra de Trives, que foi escenario dun accidente de tráfico, no que, finalmente, non houbo que lamentar danos persoais. Non obstante, o vehículo no que viaxaban caeu por un desnivel, aseguraron as testemuñas a causa da neve, e foi dar a un pequeno regato. O coche quedou semi envorcado, o que dificultou que os ocupantes puideran saír do vehículo.

Deste xeito, desde  o CIAE 112 Galicia informouse aos membros do GES de Castro Caldelas, así como aos voluntarios de Protección Civil de Pobra de Trives.

Coa axuda dos equipos de rescate, os ocupantes do turismo puideron saír e ser atendidos polos profesionais sanitarios. Con todo, as persoas se atopaban en perfecto estado de saúde, polo que descartaron o seu traslado.

Ademais, o episodio de meteoroloxía adversa por neve deixouse sentir na provincia de Lugo, onde se contabilizaron 13 intervencións, todas relacionadas coa presenza de neve, especialmente nos concellos de Carballedo e O Incio.

Tamén na provincia de Pontevedra, os condutores se atoparon con problemas nas estradas ao paso polos concellos de Lalín e Rodeiro. En total, neste ámbito rexistráronse 10 incidencias. Unha menos –nove- tiveron lugar na provincia da Coruña, das cales dúas tiveron que ver coa formación de placas de xeo na estrada.

Cómpre sinalar que na provincia coruñesa, concretamente no concello de Arteixo, sucedéronse esta mañá dous accidentes de tráfico. Un deles, segundo aseguraron os particulares que chamaron ao 112 Galicia para alertar, complicouse debido á presenza de xeo na calzada.

Liberado un condutor atrapado nun vehículo que caeu por un desnivel en Arteixo

Os bombeiros de Arteixo liberaron esta mañá a unha persoa atrapada no interior dun vehículo que caeu por un terraplén en Barrañán, no concello coruñés de Arteixo.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o accidente produciuse ás 8:45 horas preto das Canteiras de Valcobo cando un turismo saíuse da vía e caeu por un terraplén.

O condutor quedou atrapado no interior, polo que tivo que ser excarcerado polos efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Arteixo.

Pola súa banda, os profesionais do 061-Urxencias Sanitarias atenderon ao ferido e será evacuado ao centro hospitalario de referencia.

Ademais, uns minutos antes, no mesmo concello de Arteixo, rexistrouse outro accidente, neste caso, unha moza que foi atropelada en Chamín.

Ata o lugar se desprazaron os servizos sanitarios e os axentes da Policía Local. Algúns dos condutores que se atopaban pola zona indicaron ao persoal do 112 Galicia que había un tramo de estrada cuberta polo xeo.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.