Un ciclista resultou ferido grave tras sufrir unha caída nunha zona montañosa de Foz

Por o 16/01/2018 | Sección: Sucesos
Un ciclista resultou ferido grave tras sufrir unha caída nunha zona montañosa de Foz

Os servizos sanitarios de urxencia evacuaron esta tarde a un ciclista que resultou ferido de gravidade ao caer co seu vehículo mentres practicaba deporte nunha zona montañosa.

Ocorreu ao fío das cinco desta tarde nunha pista da subida da Corneira, na parroquia focense de Vilaronte. Ata alí se desprazaron os efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Barreiros para colaborar cos profesionais sanitarios na atención e evacuación do ferido, pois se atopaba nunha zona illada á que era imposible acceder coa ambulancia.

Segundo a información facilitada ao 112, o ciclista presentaba lesións importantes na clavícula e nun xeonllo, provocadas polo golpe que sufriu ao caer co seu vehículo cando circulaba por unha ruta de sendeirismo.

Así o explicou un compañeiro do ferido que chamou ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia para pedir axuda.

Deste xeito, os xestores do centro informaron aos profesionais de Urxencias Sanitarias, así como aos membros do GES de Cervo e aos bombeiros de Barreiros, que xa tiñan coñecemento do suceso e enviaron un equipo á zona para rescatar ao ciclista e achegalo á ambulancia.