Cidadáns Pontevedra critica que máis de 60 nenos se quedaron fóra das prazas custeadas polo Concello para comedores escolares

María Rey esixe ao Concello que habilite de forma urxente unha partida de 40.000 euros para garantir en outubro o servizo a todos os escolares que quedaron en lista de espera
Por o 22/09/2018 | Sección: Ciudadanos,Galicia,Política,Pontevedra
Cidadáns Pontevedra critica que máis de 60 nenos se quedaron fóra das prazas custeadas polo Concello para comedores escolares

A concelleira de Cidadáns Pontevedra, María Rey, esixiu onte o apoio de todos os grupos municipais para que o Concello habilite unha partida urxente destinada a sufragar o servizo de comedor escolar aos 65 nenos que se quedaron en lista de espera para as 32 prazas que sufraga o Concello. A maiores, esixe un cambio na regulación deste servizo “que garanta que ningún neno quede fóra dos comedores escolares”.

Rey lembra que o servizo de comedores escolares xestiónao a Federación de Asociacións de Nais e Pais da provincia de Pontevedra a través dun convenio co Concello, orzado en 240.000 euros. Das prazas de comedor existentes, o Concello sufraga un total de 32 a través do departamento de Servizos Sociais, unha cifra que para a concelleira resulta “bastante ridícula”. Pero este curso 65 escolares quedáronse fóra destas axudas. Por iso, esixe “habilitar unha partida urxente para que ao 1 de outubro ningún neno quede sen este servizo”.“Despois de garantir que todos os escolares que o solicitaron están dentro do programa de comedores -afirma-, será a hora de resolver este problema como se teña que resolver, a través dunha convocatoria pública con bases, para que non volva darse unha situación tan vergoñosa no futuro. Se a responsabilidade é da Xunta, da Deputación, ou de Nacións Unidas xa se discutirá cando haxa que facelo. Primeiro hai que resolver este grave problema”.

A concelleira de Cidadáns Pontevedra criticou así mesmo o feito de que estas axudas comecen en outubro, cando as clases xa comezaron o 12 de setembro. Así mesmo, Rey subliña que hai que recuperar a axuda para material escolar de 0 a 3 anos, “que existía anteriormente, do mesmo xeito que a convocatoria pública para comedores”. “O que non podemos é ir perdendo dereitos”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.