Cidadáns Pontevedra propón ao Concello a elaboración dun Plan de Conciliación Persoal, Familiar e Profesional da Cidadanía

A proposta de María Rey pasa por un estudo que aborde os diagnósticos sobre a situación do municipio “e establecer así propostas e un protocolo de actuación, programas e accións para que pais e nais podamos conciliar de verdade”
Publicado por o día 26/02/2019 na sección de Ciudadanos,Política

Cidadáns Pontevedra propón ao Concello a elaboración dun Plan de Conciliación Persoal, Familiar e Profesional da Cidadanía

A concelleira de Cidadáns Pontevedra, María Rey, presentou unha moción para que o Goberno local estude a posibilidade de elaborar un Plan de Conciliación Persoal, Familiar e Profesional da Cidadanía, seguindo o exemplo doutras cidades españolas que contan con este instrumento para fomentar e garantir a igualdade de homes e mulleres.

Na moción, Rey propón que este plan “implique tanto a entidades públicas como privadas” de Pontevedra e que, en primeiro lugar, este documento expoña a elaboración dos diagnósticos necesarios para estudar cal é a situación do municipio “e establecer así propostas de conciliación e un protocolo de actuación, programas e accións para que pais e nais podamos conciliar de verdade”. Entre elas deberían figurar, de acordo á proposta da concelleira campañas de información e sensibilización á cidadanía e ás empresas, facendo especial fincapé no apartado da formación e educación, con sesións formativas en centros escolares, empresas e entidades.

A edil considera que un plan de conciliación non pode circunscribirse unicamente ao ámbito dos traballadores do Concello e que o Plan de Conciliación e Corresponsabilidade posto en marcha pola Xunta o pasado ano pode complementarse con outro de ámbito municipal. “A conciliación familiar é esencial para mellorar a equidade de xénero -afirmou Rey-. Un plan municipal pautará as liñas para seguir que marcarán a diferenza, porque do que se trata é de facilitar a vida con medidas que realmente sirvan para algo. O que non podemos neste tema é parchear. Temos un plan municipal de igualdade ao que debe acompañar este outro plan municipal de conciliación, para asentar unhas bases sobre as que actuar. E, por suposto, hai que *desligar este tema de calquera politización. A conciliación debe ser unha loita conxunta de todos e todas”.