A Ciencia chega ao pub co ciclo “Un mar de Verne a Vigo”

Publicado por o día 06/02/2018 na sección de Galicia,Vigo

A Ciencia chega ao pub co ciclo “Un mar de Verne a Vigo”

Levar a ciencia ao pub é un fenómeno en todo o mundo. Utilizando este formato e para celebrar o 150 aniversario do Nautilus en Vigo, e o 140 da primeira visita de Verne á cidade, a Sociedade Hispánica Jules Verne e o Campus do Mar organizan o ciclo de charlas científicas “Un mar de Verne a Vigo”, coa participación da Universidade de Vigo, o Centro Oceanográfico de Vigo (IEO) e o Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC).

Serán catro charlas divulgativas, en catro mércores correspondentes aos meses de febreiro, marzo, abril e maio. O lugar será o pub La Pecera, na rúa Pizarro, 35, a partir das 20.00 horas. Alí, durante unha hora, destacados investigadores axudarannos a descubrir os segredos da ría de Vigo. Ademais, todas as charlas irán acompañadas de proxeccións audiovisuais.

As datas e charlas previstas son a seguintes:

-Mércores, 7 de febreiro: A ría de Vigo a bordo do Nautilus. O biólogo Manuel E. Garci, do Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC), proponnos un paseo submarino pola ría de Vigo, contemplando o mesmo paisaxe que o capitán Nemo a bordo do Nautilus. Garci, gañador de numerosos premios de cinema submarino, mostraranos imaxes dos fondos de Rande, onde se mergullaron os mergulladores de Nemo en 20.000 ‘leguas de viaxe submarina’. Desta novela falaranos a oceanógrafa Lara García Alves, tamén do CSIC de Vigo, que analizará a gran diversidade de especies que aparecen neste clásico da literatura onde non só o Kraken é o protagonista.

-Mércores, 21 de marzo. A fauna de Verne. Dous zoólogos van achegarnos á fauna submarina que Jules Verne describe en 20.000 ‘leguas de viaxe submarina’. Jesús Troncoso, da Universidade de Vigo, achegaranos aos peixes que coñeceu o capitán Nemo, mentres que Anxo Guerra, do CSIC, falaranos do mítico ‘Kraken’, a lura xigante que atacou ao submarino Nautilus nunha pasaxe da novela. A charla de divulgación completarase con imaxes dos exemplares de lura xigante estudados por Anxo Guerra nos últimos anos.

-Mércores, 18 de abril. Así era a ría de Vigo hai 150 anos. Unha viaxe no tempo para coñecer como era a ría de Vigo e a súa contorna cara a 1968, o ano en que o Nautilus visitouna na novela ‘20.000 leguas de viaxe submarina’. A través de cartografía antiga e de imaxes de diversas épocas, coñeceremos como cambiou a ría viguesa no último século e medio. O responsable de transportarnos no tempo será Gonzalo Méndez, profesor da Universidade de Vigo.

-Mércores, 9 de maio. Un mar de cores para o Nautilus. Nesta charla científica, descubriremos curiosidades sobre as algas que menciona Jules Verne en varias das súas obras ,  en especial  dúas especies de microalgas que aparecen en 20.000 ‘leguas de viaxe submarina’. Trátase de Noctiluca e Trichodesmium, que contan coa particularidade de tinguir a auga do mar ou de producir bioluminiscencia . Francisco Rodríguez, investigador do Centro Oceanográfico de Vigo (IEO) levaranos de paseo polos fondos mariños, xunto aos mergulladores do capitán Nemo, para coñecer estas dúas especies fascinantes.

A entrada ás charlas científicas é libre e gratuíta ata completar o aforamento.