A Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense acolleu este venres a visita dunha delegación do Centro de Investigación en Educación Básica do Instituto Politécnico de Bragança, en Portugal, que tivo como obxectivo a apertura de vías de colaboración entre as dúas entidades. A cita contou coa participación por parte do centro ourensán da súa decana, Mar García, e persoal docente e investigador. Por parte lusa, a delegación estivo encabezada pola coordinadora do centro, Cristina Mesquita, e completada polos seus membros María José Rodrigues e Mário Cardoso.
Durante o encontro, membros dun e doutro centro expuxeron liñas de investigación e proxectos nos que actualmente participan. “O noso desexo é abrir vías de colaboración en cuestións como o intercambio de alumnado e profesorado e a participación en proxectos actualmente en marcha ou futuros proxectos que poidamos realizar”, sinalou Mar García ao remate da reunión. Salientando o frutífero da reunión, Cristina Mesquita apuntou especificamente o interese do seu centro en participar no programa de doutoramento que imparte a facultade ourensá, xa que o centro luso non ofrece estes estudos de posgrao. “Escollemos achegarnos a esta facultade non só pola proximidade xeográfica senón tamén porque traballamos nas mesmas áreas, como educación infantil e primaria e educación social”, comentou a coordinadora lusa. Os temas abordados, sinalaron as responsables das dúas entidades, materializaranse nun convenio específicos de colaboración.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.