Ciencias do Mar e Estudos Empresariais gradúan as súas novas promocións

Publicado por o día 10/06/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Ciencias do Mar e Estudos Empresariais gradúan as súas novas promocións

Venres de graduacións no campus de Vigo. A Escola Universitaria de Estudos Empresariais e a Facultade de Ciencias do Mar celebraron os seus respectivos actos de graduación, no auditorio Mar de Vigo e no Edificio de Ciencias Experimentais, nos que despediron a preto dun cento de novos egresados e egresadas.

57 profesionais do comercio e a empresa

25 estudantes do Grao en Comercio, incluídos dous que están a piques de acadar a dobre titulación con Bochum; 21 do Mestrado en Comercio Internacional e 11 do Mestrado en Dirección de PEMES, recibiron as súas becas e diplomas no acto de graduación celebrado o pasado venres no auditorio pazo de congresos Mar de Vigo. Nun acto presidido polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e no que os profesores Jorge Cebreiros e José Antonio Martín-Casal exerceron de padriños, a subdirectora da escola, Araceli González, agradeceu ás e aos novos egresados que elixisen as titulacións do centro para formarse na Universidade de Vigo. En nome da directora da escola, Consuelo Currás, a subdirectora fixo na súa intervención, un breve percorrido por algúns dos fitos máis destacados dos estudos durante os últimos catro anos, ao tempo que lles transmitiu ás e aos egresados “os nosos desexos de que teñades moitos éxitos profesionais e persoais no futuro”.

No acto de graduación da VI promoción do Grao en Comercio, da XI promoción do Mestrado en Comercio Internacional e da VIII promoción do Mestrado en Dirección de PEMES, a subdirectora da EU de Estudos Empresariais, felicitou ás familias das e dos novos egresados e lembroulles aos novos titulados que “sempre seredes parte da Escola e recibirémosvos con moita ledicia cando queirades”, dixo Araceli González.

39 novos oceanógrafos e oceanógrafas

Neste venres de despedidas, tamén foi a quenda da Facultade de Ciencias do Mar, que celebrou o acto de graduación do seu grao, con 39 novos egresados e egresadas. O evento, que tivo lugar no edificio de Ciencias Experimentais, contou coa presenza da vicerreitora de Investigación, Belén Rubio; o alcalde da cidade, Abel Caballero; a directora do Instituto Español de Oceanografía, Victoria Besada e o presidente da Asociación de Oceanógrafos de Galicia, Jorge de los Bueis. Esta nova promoción de profesionais da oceanografía tivo como padriño ao profesor do Departamento de Bioloxía Fundamental, Juan José Pasantes e como madriña á catedrática do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio Soledad García Gil.

O decano de Ciencias do Mar, Miguel Ángel Nombela, recomendoulles aos novos titulados e tituladas que nesta nova etapa que emprenden “confíen na súa formación e se autoempoderen”, porque contan co respaldo dunha traxectoria académica “sólida porque foi achegada por un claustro de profesores que constitúe un referente nacional e internacional en investigación mariña”. O decano tamén remarcou que a titulación de Ciencias do Mar “os capacita profesionalmente para facer fronte aos grandes retos que se presentan tanto no estudo como na protección e a explotación racional dos océanos”. Neste sentido e ante unha contorna en constante cambio e evolución, recomendou a esta nova promoción que non deixen nunca de aprender “porque hoxe en día a formación é continua ao longo de, polo menos, toda a vida profesional”. Nombela despediuse lembrándolles que “esta Universidade e esta facultade sempre será a vosa casa”.