Científicos franceses investigan sobre a produción dos bancos de berberecho galegos no Centro de Investigacións Mariñas

O equipo investigador de Francia suma esforzos cos profesionais do CIMA para procesar mostras de bivalvo recollidas nas rías de Arousa e Noia, no marco do proxecto COOKLES
Publicado por o día 25/02/2018 na sección de Mar

Científicos franceses investigan sobre a produción dos bancos de berberecho galegos no Centro de Investigacións Mariñas

Científicos franceses da Estación Mariña de Arcachon, da Universidade de Burdeos (Francia), investigan sobre a produción dos bancos de berberecho galegos no Centro de Investigacións Mariñas (CIMA). O equipo de investigadores estivo esta semana no centro de Vilanova de Arousa para sumar esforzos cos profesionais do CIMA co obxecto de procesar mostras deste bivalvo recollidas nas rías de Arousa e Noia.

Así, os investigadores franceses e os do CIMA caracterizaron parasitos e bacterias asociadas aos berberechos co fin de proporcionar información sobre as posibles interaccións entre estes moluscos bivalvos e os microorganismos cos que convive e a influencia na súa saúde.

O equipo investigador francés desprazouse a Vilanova debido a que precisa procesar as mostras cos berberechos vivos. Estes traballos desenvólvense no marco do proxecto COOKLES, que coordina e xestiona administrativamente o Centro Tecnolóxico do Mar- Fundación CETMAR e cientificamente o CIMA, ambos dependentes da Consellería do Mar.

O proxecto COOKLES, no que están implicados países como España, Portugal, Francia, Irlanda e Reino Unido, está dando os seus primeiros pasos de cara a afondar na mellora da produción de berberecho, coa finalidade de favorecer unha industria robusta, viable e sustentable, con patentes beneficiosos sociais e de biodiversidade.

Neste sentido, os investigadores avaliarán a saúde, a diversidade e as interrelacións das poboacións de berberecho ao longo do Arco Atlántico da Unión Europea. Tamén se tratará de chegar a técnicas de xestión para a recuperación de bancos de berberecho, cultivo en criadeiro, programas de mellora xenética para producir estirpes resistentes a enfermidades –como pode ser o caso do parasito Marteilia- e de crecemento rápido. Ademais, tamén se tratará de proporcionar orientación e asesoramento sobre boas prácticas a produtores, administracións, axencias ambientais e ONG.