CIG, CCOO e UGT entregan 136 denuncias na Inspección por incumprimentos do convenio da limpeza

Avanzan a convocatoria de folga polas intencións da patronal de recortar dereitos e conxelar salarios
Publicado por o día 14/01/2021 na sección de Sindicatos

Representantes da CIG, CCOO e UGT na mesa de negociación do convenio de limpeza da Coruña presentaron este mércores na Inspección de Traballo 136 denuncias por incumprimentos do convenio por parte das empresas do sector. A maioría das denuncias son pola inaplicación reiterada do artigo 8 do convenio, que recolle o dereito das e dos traballadores a tempo parcial a ampliar xornadas cando haxa vacantes ou postos libres no centro de traballo e na empresa e que a patronal quere suprimir do marco regulador.

As denuncias rexistráronse aproveitando a reunión co Xefe Provincial da Inspección e enmárcase na campaña que as centrais sindicais están a desenvolver ante a mala fe negociadora da patronal que pretende aproveitar a actual conxuntura para introducir recortes sociais no convenio.

Conxelación para 2020 e mísera suba do 0,8% para 2021

De feito, e malia que este sector está ser un dos grandes beneficiados da emerxencia sanitaria polo incremento de horas e facturación coas desinfeccións e limpezas extraordinarias, as asociacións empresariais propuxeron conxelación salarial para 2020 e un ridículo incremento do 0,8% dos soldos para o ano 2021, “a cambio de suprimir o dereito á xubilación parcial e a supresión do artigo 8 sobre cobertura de vacantes”, denuncia Paulo Rubido, representante da CIG na mesa de negociación.

Un dereito polo que o persoal tivo que pelexar xa que neste sector hai unha elevada contratación a tempo parcial e para corrixir esta situación estableceuse por convenio que as traballadoras e traballadores con contratos parciais terán preferencia sobre as novas contratacións cando haxa vacantes ou postos libres no centro de traballo ou na empresa.

Agora, utilizando como escusa a crise da Covid-19, a patronal “pretende quitarlle dereitos e conxelarlle o salario ao persoal, que é quen está realmente a poñer a cara e a saúde para facer as desinfeccións e hixienizacións tan necesarias”.

Previsíbel convocatoria de folga

As centrais sindicais aseguran que están “fartas” da actitude da patronal non só neste convenio, senón tamén nos anteriores, porque “non respectan as regras de xogo, nin actúan cunha mínima lealdade na mesa de negociación” e, sobre todo, “non lle teñen respecto ningún ás traballadoras e traballadores”.

Por iso, xa se está traballando nun calendario de mobilizacións para levar adiante nas próximas dúas semanas e na máis que probábel convocatoria de folga para finais de xaneiro ou primeiros de febreiro. Ademais, teñen intención de manter reunións cos diferentes grupos poíticos e darlle traslado da conflitividade á Xunta, xa que este convenio é o que rexe para o persoal que realiza os servizos de limpeza dos edificios da administración na provincia, e advertirlle das consecuencias que unha folga pode supor no contexto de crise sanitaria actual.

Comentar noticia

Your email address will not be published.