CIG-Correos pide reforzar os cadros de persoal para evitar o colapso do servizo e instrucións claras sobre a recollida do voto

Entenden que a Xunta Electoral está trasladando ao persoal os problemas que se poderían dar nos colexios
Publicado por o día 29/05/2020 na sección de CIG,Sindicatos

CIG-Correos pide reforzar os cadros de persoal para evitar o colapso do servizo e instrucións claras sobre a recollida do voto

A CIG-Correos advirte do enorme aumento da carga de traballo que suporá a decisión da Xunta Electoral de autorizar que os carteiros e as carteiras poidan facer o trámite para a entrega da documentación e a recollida do voto nos domicilios particulares; do colapso que se pode xerar no servizo postal pola falta de persoal suficiente; e da ausencia de garantías para que o persoal de Correos realice o proceso con toda a seguridade sanitaria e xurídica que require o exercicio deste dereito.

“A empresa non ten persoal suficiente para levar a cabo o proceso do voto por correo nestas condicións. As previsións de contratación son as mesmas que para unha eleccións ‘normais’, polo que de non incorporar máis persoal para este cometido, haberá un colapso total do servizo de Correos”, alerta o secretario de Organización do sector de Correos da CIG, Anxo Álvarez.

Neste senso, explica que, dada a circunstancia excepcional na que estamos, resulta imposíbel facer unha previsión do aumento do voto por correo, mais todo parece indicar que, polo medo aos contaxios e a que se produzan aglomeracións nos colexios electorais, rexistrarase un incremento moi importante. Álvarez considera que a decisión da Xunta Electoral evidencia un absoluto descoñecemento da infraestrutura de Correos e que, en plena pandemia, se está a trasladar o problema que se podería xerar nos colexios electorais aos traballadores e traballadoras de Correos.

Neste senso, lembra que toda a carga de traballo que se vai xerar é de carácter urxente e inaprazábel, ao que hai que sumar o reparto da propaganda electoral, dos produtos que circulan a diario en Correos e son de entrega obrigatoria máis toda a correspondencia habitual. Ademais, as Oficinas Auxiliares teñen que compartir o reparto coa atención aos usuarios e usuarias a determinada franxa horaria, limitando o tempo para a tramitación do voto.

Garantías para o proceso administrativo e de non haberá coaccións

Diante disto, a CIG-Correos demanda instrucións claras e concisas que garantan un escrupuloso cumprimento en canto á legalidade de todo o proceso administrativo relativo ao voto por correo por parte de Correos. Pois lembran que este proceso xa se vén facendo dende hai  anos en determinados Enlaces Rurais de Galiza nos que con frecuencia se producen presións ou coaccións ao persoal de Correos por parte de persoas colaboradoras de partidos políticos.

“Noutras eleccións anteriores xa tivemos que denunciar publicamente estas prácticas mafiosas e caciquís que sofren moitos carteiros e carteiras durante a campaña electoral en relación ao voto por correo”, apunta.

De igual xeito, a representación da CIG pide que todo o proceso electoral, tanto a tramitación do voto por correo como o reparto de propaganda electoral, se faga dentro da xornada laboral, polo que piden a Correos que tome as medidas suficientes para poder abordar o incremento da carga de traballo dentro do horario ordinario “e sen amezas de perder parte da gratificación extraordinaria”.

Sobre esta cuestión, a CIG tamén pide un aumento da gratificación coa que Correos retribúe ao seu persoal nas campañas electorais, “xa que nesta campaña hai que sumar os factores do aumento do voto por correo e a perigosidade de contaxio ao que están expostos por mor  da COVID-19”. A este respecto, lembra que o persoal de Correos é o segundo colectivo laboral da área pública con maior número de contaxios rexistrados.

Comentar noticia

Your email address will not be published.