A CIG demanda máis persoal para resolver o colapso dos servizos sociais do Concello

Publicado por o día 21/08/2014 na sección de CIG,Vigo

A CIG demanda máis persoal para resolver o colapso dos servizos sociais do Concello

Denuncia que no departamento que dirixe Isaura Abelairas non se están a  cubrir as baixas nin as vacacións dun persoal que xa era insuficiente.

Días despois de terlle reclamado ao Alcalde que o Concello priorizase as “políticas sociais” e axilizase a resolución das axudas municipais de emerxencia, a CIG de Vigo exixiulle hoxe a Abel Caballero que reforce con máis persoal os servizos sociais municipais para resolver o seu “colapso”. Fíxoo a través dun comunicado asinado polo seu Secretario Comarcal, Serafín Otero, no que insisten en denunciar os importantes atrasos e esperas que se rexistran na atención social. Se ben o sindicato nacionalista recoñece que a crise e “as políticas antisociais emprendidas baixo a súa coartada por parte dos gobernos galego e español ” agravaron a situación o que provoca un aumento na demanda de axudas e asistencia social, consideran precisamente por esa razón “a resposta que se está a dar desde o Goberno municipal é inda máis insuficiente”.

No comunicado critican de maneira expresa a Concellaría de Políticas de Benestar, da que é titular Isaura Abelairas, da que aseguran actúa “cun desleixo irresponsábel” de maneira “absolutamente insensíbel”, xa que a pesar de “ter coñecemento directo da situación desde hai varios meses”, ten permitido o colapso dos servizos sociais. A este respecto a CIG denuncia que en lugar de “reforzar de maneira importante” os recursos e persoal co que conta o departamento, nin tan sequera se estarían a cubrir as baixas nin as vacacións. “Como se as necesidades de emerxencia social tomasen descanso!” enfatizan. Asemade, lembran que o Concello xa estaba a incumprir a ratio legal que fixa que debe haber un ou unha traballadora social por cada 8.000 habitantes. “É intolerábel que haxa agardas de máis de dous meses para ter cita cun traballador social” denuncian. Vigo apenas conta con 17, en troca dos 37 que debería ter.

Novas contratacións urxentes

Para pór fin a esta situación que impide “dar a resposta áxil e urxente que exixen as situacións límite que enfrontan as persoas que, por dereito, deberan ser beneficiarias da súa axuda e asistencia”, Serafín Otero reclama ao Goberno Municipal presidido por Caballero que “de maneira urxente, tome as decisións e facilite os recursos necesarios para reforzar os servizos sociais municipais co persoal que sexa preciso para poder tramitar coa axilidade debida as solicitudes de asistencia social”.

No concreto, o máximo responsábel da CIG en Vigo expresou o apoio do sindicato á demanda do Colectivo Imán de que se celebre un pleno municipal de carácter extraordinario no que se aprobe a contratación urxente de 10 educadoras e 10 traballadoras sociais máis.