CIG e CGTP asinan un protocolo para defender a clase traballadora a ambos lados da fronteira

Abordarán a problemática da construción e das deslocalizacións en dúas novas reunións
Por o 05/02/2018 | Sección: CIG,Portugal,Sindicatos
CIG e CGTP asinan un protocolo para defender a clase traballadora a ambos lados da fronteira

A CIG e o principal sindicato portugués, a CGTP-IN, pecharon o encontro sindical ao máis alto nivel que se desenvolveu en Vigo este xoves e venres coa sinatura dun protocolo de cooperación orientado a “facer posíbel que a dignificación das condicións de vida da clase traballadora sexa unha realidade a un lado e a outro da fronteira”, en palabras do secretario xeral da central galega, Paulo Carril. Ao mesmo tempo, os sindicatos acordaron celebrar dúas novas xuntanzas para abordar a problemática do sector da construción e da deslocalización de empresas, nomeadamente da automoción.

O principal obxectivo da xuntanza era analizar a situación sociolaboral de Galiza e de Portugal e definir proxectos de colaboración e accións conxuntas entre a CIG e a CGTP, que se concretaron na sinatura do protocolo de colaboración por parte dos secretarios xerais, Paulo Carril e Arménio Carlos.

O máximo responsábel da central galega explicou durante a rolda de prensa celebrada hoxe para informar sobre o contido das reunións que a análise da realidade compartida entre os dous sindicatos fixo posíbel que “na nosa loita internacional contra a ofensiva neoliberal e a expansión do capitalismo apostásemos por definir estratexias de acción conxuntas para facer posíbel que a dignificación das condicións de vida da clase traballadora sexa unha realidade a un lado e a outro da fronteira”.

Deste xeito, no documento establécese que as centrais non só darán apoio e asesoramento á clase traballadora dos dous países senón tamén colaborarán na defensa dos dereitos dos traballadores/as transfronteirizos e na xeración, na medida das súas posibilidades, dunha dinámica no plano internacional de cara a lograr un mundo mellor, máis xusto e solidario.

Os responsábeis sindicais coincidiron que nun contexto onde a mobilidade dos traballadores/as é cada vez maior, resulta imprescindíbel darlle continuidade a esta colaboración na procura de entendementos entre federacións específicas que teñen unha relación directa cos problemas que padecen os traballadores/as galegos/as e portugueses/. “A partir de aquí veremos que tipo de intervención poderemos levar a cabo de forma conxunta”, indicaron.

As centrais analizaron a situación sociolaboral de Galiza e Portugal e definiron proxectos de colaboración e accións conxuntas

Ao mesmo tempo, adiantaron que en breve terán lugar dúas novas xuntanzas, unha entre as federacións da construción para consensuar medidas a respecto dunha área na que existe un número significativo de traballadores/as portugueses/as na Galiza (caso das obras do AVE en Ourense), e outra entre as federacións da industria do automóbil para intercambiar impresións a respecto da problemática de deslocalización de empresas.

“Estas cuestións precisan dunha análise profunda e dunha visión colectiva para contrarrestar unha liña ideolóxica que pretende centrar a atención nunha guerra entre traballadores/as galegos/as e portugueses/as, cando o problema real son as estratexias das transnacionais para aumentar os seus beneficios a costa da explotación das persoas”, incidiron.

Mais tamén co obxectivo de adoptar medidas concretas de apoio aos traballadores/as galegos/as que se atopan en Portugal e aos traballadores/as portugueses/as que están en Galiza. “Hoxe máis que nunca precisamos estar moi próximos uns dos/as outros/as e ser moi solidarios/as”.

Empobrecemento, explotación e precariedade

Durante a súa intervención, o secretario xeral da CIG lembrou que tras oito anos de crise económica e das sucesivas reformas laborais e sociais aprobadas por PP e PSOE en Galiza atopámonos cun aumento evidente das desigualdades sociais e un retroceso nas condicións laborais e de vida. “A precariedade, o empobrecemento, o medre das contratación a tempo parcial e mesmo os datos do paro que vimos de coñecer no día hoxe confirman que imos por este camiño”

A isto hai que sumarlle o medre das desigualdades sociais, cunha caída xeneralizada dos salarios e cunha cada vez maior porcentaxe de poboación que vive por debaixo do limiar da pobreza ao ingresar soldos que non chegan ao SMI, cunha negociación colectiva orientada a individualizar as relacións laborais e favorecer ao capital, con convenios estatais que anulan a negociación colectiva en Galiza.

“Preocúpanos que se poida consolidar unha situación social sen saída, cun empobrecemento xeneralizado da clase traballadora e do conxunto da sociedade, cun asentamento de novas formas de explotación a través de cadeas interminábeis de subcontratación, empresas multiservizos e falsos/as autónomos/as e dunha imparábel emigración (nos anos da crise máis de 153.000 mozos/as abandonaron o noso país)”.

Ademais, Carril denunciou que as actuacións dos Gobernos español e galego, totalmente servís ás políticas neoliberais ditadas dende a Unión Europea, están a provocar a destrución do noso tecido produtivo e imposibilitan o aproveitamento dos nosos recursos naturais para podermos vivir e traballar dignamente na nosa terra, caso da recentemente aprobada Lei de Fomento Empresarial. “A escalada de ataques aos dereitos laborais ten no punto de mira tamén o sistema público de pensións, co obxectivo de reducir as prestacións e potenciar os fondos de pensións privados”.

Finalmente, sinalou que todo isto acompáñase dun recorte de liberdades e dun retroceso democrático (Lei Mordaza e reforma do Código Penal), un contexto no que defender os dereitos da clase traballadora convértese nun delito. “Resulta escandaloso a incapacidade da esquerda estatal para conformar maiorías, fronte a un Goberno do PP en minoría, que deixen sen efecto estas políticas. Polo tanto, o único xeito de reverter esta situación é mediante a mobilización social”, rematou.

A mesma problemática en Portugal

Pola súa banda, o secretario xeral da CGTP-IN incidiu na gran sintonía existente nas posicións das dúas centrais, nomeadamente das que teñen que ver coa defensa os dereitos da clase traballadora e co desenvolvemento económico e social de Portugal e de Galiza.

“En Portugal tamén temos problemas moi complicados, a pesar de que hai unha evolución positiva da situación económica e social; a loita dos traballadores/as e do pobo portugués foi determinante para afastar a dereita do poder; foi positivo parar tanto as súas políticas de recortes como as da troika; e valoramos tamén que o Goberno teña avanzado cara a unha política de reposición de dereitos, mais aínda fica lonxe do que sería desexábel”.

Segundo asegurou, o país veciño vive un período que cualificou de crucial, “xa que nos atopamos na metade da lexislatura, e polo tanto nunha fase de clarificación da situación”. Recoñeceu que se minimizaron certos problemas dos traballadores/as e das familias, pero os estruturais continúan: a “obsesión” pola contención do déficit, que fai que o persoal público este sen actualización salarial dende 2009; os problemas nos servizos públicos, sobre todo na saúde e no transporte; e o feito de que nalgunhas áreas a lexislación laboral continúa igual que estaba coa troika.

“Este é o momento de clarificar: ou o Partido Socialista e o Goberno asumen a responsabilidade de darlle continuidade ao proceso ou corre o risco de que as expectativas se transformen en frustración por falta de resposta ás cuestións concretas da clase traballadora. Nós xa dixemos que non existe política de esquerdas cunha lexislación do traballo de dereitas”.

Entende que o Goberno ten que resolver o problema dunha lexislación laboral que é responsábel das desigualdades sociais e da pobreza laboral, que atinxe o 10,8%, “mais deberá facelo co apoio do Partido Comunista, do Bloco de Esquerda e Partido Ecoloxista-Os Verdes, xa que xuntos teñen a maioría na Assembleia da República; non lles faltan os votos, mais é preciso que teñan a vontade de aceptar as propostas da CGTP e darlle corpo aos proxectos de lei que estes partidos están a presentar”.

Fronte ao discurso que sostén que a situación está estabilizada dende o punto de vista social, contrapón un empeoramento durante o ano 2017 porque, “se ben é certo que se produciu unha melloría en termos xerais nalgunhas cuestións”, nos centros de traballo a situación non mellorou. “Non ten sentido que un país que está a crecer continúe cos salarios practicamente estancados”.

Non hai democracia sen dereitos

Outra problemática que puxo enriba da mesa é a calidade do emprego. “No noso país, ao igual que en Galiza, temos unha nivel inadmisíbel de precariedade no emprego. Somos uns dos países europeos con maior precariedade no emprego. E non é posíbel o desenvolvemento social cun modelo que aposta polo traballo precario e polos baixos salarios. Este modelo é destrutivo dende o punto da economía, empobrecedor dende o punto de vista social (entre 2011 e 2015 emigraron 530.000 traballadores/as de Portugal) e cuestionador do futuro dende o punto de vista do desenvolvemento. Fronte a isto, precisamos organizar mellor as empresas e investir na formación dos traballadores/as e no desenvolvemento tecnolóxico”.

Na súa opinión, non se pode permitir que milleiros de persoas teñan que abandonar o seu país por imposición, por falta de resposta aos seus problemas. Isto lévao a cuestionar a propia construción da Unión Europea, xa que con este modelo Portugal corre o risco de chegar a unha situación aínda máis periférica con respecto a outros países con maior poder económico e financeiro. “Estes países non precisan de investir tanto en educación porque saben que poden acceder a man de obra cualificada noutros países como o noso ou como Galiza. Isto non axuda a achegar os países senón que os afasta aínda máis dende o punto de vista do desenvolvemento”.

Polo tanto, para a CGTP cuestión da valorización do traballo e dos traballadores/as é indisociábel da afirmación de democracia a distintos niveis: político, económico, social e cultural. “A democracia pasa por garantir os dereitos e as liberdades da clase traballadora. Non hai democracia mentres os traballadores/as vexan constantemente cuestionados os seus dereitos nos centros de traballo. Temos un déficit neste senso, primeiro porque a Inspección de Traballo é practicamente ineficaz en Portugal e despois porque a xustiza é lenta. Hai un favorecemento do infractor/a, porque sabe que violando normas e leis está a gañar tempo”.

Rubens Rocha

Nado en Vigo hai 35 anos. Nacionalista Galego, Fotoxornalista, activista defensor dos dereitos humanos e ambientais. Buscando que se recoñeza e respecte os patrimonios da cidade de Vigo.

Comentar noticia

Your email address will not be published.