CIG-Ensino urxe a Consellaría a adoptar todas as medidas necesarias antes da reincorporación ás aulas

Reclaman a negociación dun protocolo para dotar os centros de garantías sanitarias e organizativas
Publicado por o día 15/05/2020 na sección de CIG,Educación

CIG-Ensino urxe a Consellaría a adoptar todas as medidas necesarias antes da reincorporación ás aulas

Ante o comunicado público da Consellaría de Educación anuncia a reincorporación do alumnado de 2º de Bacharelato e dos últimos cursos do ciclos de FP de xeito a partir do próximo 25 de maio, a CIG-Ensino reclama da administración galega que abandone “o desleixo” e adopte todas as medidas necesarias antes do retorno do profesorado e o alumnado ás aulas. O anuncio prodúcese despois da reunión do pasado mércores con sindicatos e ANPAs, na a consellaría gardou un total mutismo sobre esta cuestión.

“Dá a sensación de que o goberno galego e Educación en particular, tal e como vén actuando durante esta crise, preferiu agardar a que o Ministerio tomase algún tipo de iniciativa para poder despois actuar como unha sorte de Subdelegación no canto dunha administración con plenas competencias en materia educativa”, denuncia a CIG-Ensino.

Neste sentido, o que máis sorprendente á Federación da CIG é a apelación da Consellaría a agardar polo protocolo que o Ministerio de Educación e Formación Profesional vai aplicar en Ceuta e Melilla. Hai que ter presente que esas dúas cidades son o único ámbito de xestión directa que ten o Ministerio e que a propia experiencia e os recursos dos que dispón unha administración educativa  como a galega son mesmo superiores neste caso para poder tomar decisións, “causando rubor que se poida dar por bo que haxa que agardar polas decisións que adopten nesas cidades”.

 Necisade dun protocolo

A posición da CIG-Ensino ao respecto é de sobra coñecida e pública e foille comunicada na pasada reunión á conselleira e á súa equipa:

  • Non se pode producir ningunha incorporación, nin de profesorado, nin de persoal non docente nin de alumnado, aos centros educativos sen un protocolo que nos dote dunhas claras garantías sanitarias e organizativas de atención ao alumnado que poida ir ao centro e o que fique nas casas.
  • Un protocolo non son unhas recomendacións. Ten que ser un documento legal, previamente negociado coas organizacións sindicais na Mesa Sectorial, e publicado no DOG, identificando claramente quen é a persoa responsábel dese documento, que desde a CIG-Ensino temos claro que só pode ser a conselleira, como máxima responsábel, previa aprobación no Consello de Goberno da Xunta.
  • A decisión de incorporar voluntariamente o alumnado de 2º BAC e de 2º de ciclos debe facerse non só despois de se adoptaren as medias sanitarias que fixe o protocolo, senón con tempo suficiente para que se apliquen antes da incorporación de alumnado e profesorado, para evitar repetir o que se aconteceu esta semana coas reincorporacións para atender as matrículas
  • No protocolo debe figurar a dispensa para todo o persoal que forma parte dos grupos vulnerábeis fixados polo Ministerio de Sanidade, a posibilidade de que outras patoloxías non recollidas nesa norma poidan ter a dispensa se así o autoriza a Xefatura Territorial, así como os permisos retribuídos por tutela e coidados de menores ou persoas maiores dependentes. En todo caso, desde a CIG-Ensino proponse que a resposta do Servizo de Prevención de Riscos sexa preceptiva, en resposta á solicitude da valoración do posto de traballo.

Tempo para a reorganización dos centros

Para a CIG-Ensino é necesario que os centros dispoñan dun tempo suficiente para organizarse. Así, como mínimo:

  • Debe coñecerse con suficiente antelación cantos alumnos e alumnas van incorporarse voluntariamente. Non se pode permitir o acceso de ninguén que previamente non comunicase a presenza no centro, xa que iso faría imposíbel unha xestión correcta por parte do profesorado.
  • Debe organizarse correctamente a distribución do profesorado, xa que a maioría imparte docencia tamén na ESO e 1º de BACG, ou ben en 1º de Ciclos ou PFB e o retorno á presencialidade non pode levar a desatender ao alumnado doutros niveis educativos que permanece na teledocencia. A incorporación de docentes ás aulas non pode implicar, baixo ningún concepto, ampliar a carga de traballo nin simultanear coa teledocencia.
  • Deben avaliarse previamente se é posíbel a reorganización do que xa está programado nos centros, nomeadamente as avaliacións e a actividade docente con todo o alumnado. A necesidade de reducir as ratios implicará en moitos casos un problema de xestión do persoal docente. Non se pode autorizar a presenzanas aulas mentres todo isto non estea solucionado.
  • A Consellaría debe elaborar, máis alá do protocolo sanitario, un estudo urxente sobre a capacidade dos actuais cadros de persoal dos IES e CIFP para facer fronte a esta situación de duplicidade de docencia presencial e a distancia. A decisión final do retorno ás aulas debe estar condicionada por ese estudo.

Actuar con responsabilidade e non con precipitación

Tendo en conta todo o anterior, desde a CIG-Ensino apelan á responsabilidade da Consellaría, para que non actúe precipitadamente e sen consensos. “Non consideramos a data do 25 de maio como correcta dada a necesidade de atender as casuísticas que vimos de enumerar así como outras moitas que desde o sindicato lle trasladaremos á Consellaría se cambian a súa disposición e se abren a negociar os pasos que dan”, advirten.

De igual xeito, a central sindical non dubidará en tomar todas as medidas necesarias se a incorporación do profesorado e o alumnado non garante o máximo respecto á saúde, aos dereitos laborais e a unha organización docente que non relegue a ningún alumno ou alumna, ben sexa polas dificultades individuais que teña como polo nivel de estudos no que está.

Comentar noticia

Your email address will not be published.