CIG-Industria cualifica de “campaña de desinformación” da patronal a suposta recuperación do sector naval de Vigo

Denuncia o “negocio” dos fondos para formación tras as falsas expectativas xeradas a multitude de desempregados/as
Por o 15/10/2018 | Sección: CIG,Galicia,Naval,Sindicatos,Vigo
CIG-Industria cualifica de “campaña de desinformación” da patronal a suposta recuperación do sector naval de Vigo

A CIG-Industria de Vigo sae ao paso do que cualifica como “campaña de desinformación” da patronal sobre unha suposta recuperación do sector naval da ría de Vigo e alerta de que está a xerar “falsas expectativas” nun grande número de desempregados/as. Así o expresaron membros da executiva comarcal da federación na rolda de prensa celebrada este luns, onde negaron que exista un déficit de profesionais e expresaron a sospeita sobre o interese do empresariado en obter fondos para formación.

César Rodríguez, responsábel do naval da CIG-Industria de Vigo, salientou que non existen datos contrastados que apoien o triunfalismo da patronal nos medios de comunicación, que “está a enganar á sociedade” ao falar da necesidade de 2000 ou 3000 novos traballadores para o sector.

Moi ao contrario, “e salvo contadas excepcións” como Freire e Armón, con dúas ou tres unidades en carteira, a maioría de estaleiros están a construír un único pedido e non contan con previsións para o futuro, tal e como sucede en Barreras, Cardama ou Metalships (que acaba de anunciar a entrega do pedido para finais deste ano). A iso súmase, segundo o sindicalista, a situación incerta de Vulcano.

Rodríguez lembrou á patronal que os 10.000 traballadores/as cos que chegou a contar o naval de Vigo en 2007 “non desapareceron da noite para a mañá”, se non que emigraron despois da “desfeita” sufrida no sector a países como Francia, Holanda Noruega ou a Asturias e Euskadi. Outros, indica, víronse na obriga de cambiar de sector ou a xubilarse con pensións miserentas aos 61 anos despois de contribuíren durante anos a levantar o sector, que agora mesmo contaría con arredor de 2000 en activo.

Fronte aos “chamamentos irresponsábeis” de Asime, que está a “xogar coas esperanzas da xente”, denuncia a realidade dun sector precarizado no que a maioría dos casos os traballadores/as “entran e volven saír do paro aos poucos meses”, e onde se está a incumprir diariamente o convenio, algo que enfatizou tamén Quique Fernández, responsábel de organización comarcal da federación.

A recuperación do sector, asegura, producirase “cando se consolide a carga de traballo nunhas condicións dignas”, asegurando a continuidade dos postos e permitindo o retorno do persoal emigrado.

Precarización e sinistralidade laboral

O sector naval da ría de Vigo, segundo a CIG-Industria, non debe perder a súa principal fortaleza e sinal de identidade que o converteu en referencial, contrapondo un modelo de profesionalidade e competencia dos traballadores/as fronte ao do “efecto chamada” que ensaia a patronal.

Neste sentido, alerta dos perigos da incorporación masiva de man de obra sen experiencia previa no sector, o que sumado á precariedade e á falta de control de Inspección podería aumentar o risco de accidentes laborais.

Tamén expresou que, en consecuencia, a CIG permanecerá vixiante ante o aumento da precariedade, denunciando calquera incumprimento da lexislación no sector e solicitando implicación dos traballadores/as na organización e loita “como única vía para asegurar un futuro digno no sector”.

O negocio da formación

Manuel Simón, responsábel de negociación colectiva e formación da CIG-Industria en Vigo,expresou dúbidas sobre os motivos reais de Asime ao enfatizar a necesidade de cursos de formación, “dando a impresión de que se utiliza esa suposta necesidade de traballadores/as para xustificar o financiamento público dos mesmos”.

Explicou que Aclunaga, o clúster da patronal, obtivo para este ano un millón de euros para formación en toda Galiza coa escusa de formar 800 traballadores/as, unha cifra parella á do ano anterior. “Estariamos falando de 1600 operarios formados en dous anos”, o cal, en teoría, debería suplir as necesidades de persoal que están a difundir.

Porén, e segundo indicou, a central non ten constancia sobre a existencia destes cursos, tan só de charlas de prevención nos estaleiros, albergando a sospeita de que “están a utilizar estes fondos con outras finalidades”. Alén disto, o empresariado conta en exclusiva cun 0,7% que se desconta das nóminas para formación, pero empréganas en cursos alleos á actividade, como idiomas ou informática.

Mobilización do mércores 17

Por todo isto, segundo indicou o secretario comarcal da CIG-Industria de Vigo, Xulio Fernández, a federación convocará unha concentración ante a sede da patronal Asime, en Vigo, para o vindeiro mércores 17 de outubro ás 11 horas, demandando unha reunión na que se informe dos centros onde se vai xerar esa suposta carga de traballo.

Comentar noticia

Your email address will not be published.