CIG-Industria reunirase co subdirector xeral de Hidrocarburos para coñecer os cambios normativos no biodiésel

A central iniciou unha rolda de contactos institucionais para esixir garantías de futuro para o sector

A Federación de Industria da CIG ten iniciado unha rolda de contactos institucionais para abordar o futuro do sector do biodiésel e para esixir do Ministerio de Industria e da Xunta que se garanta un marco regulador que permita que as plantas instaladas en Galiza poidan seguir producindo. A central sindical tamén reclama das distintas administracións que se promovan medidas para facilitar a transición da materia prima e poder pasar xa aos biocarburantes de segunda xeración con garantías para o sector e o emprego.

Deste xeito, mañá, mércores 7 de novembro, representantes da CIG-Industria viaxarán a Madrid para manter un encontro co subdirector xeral de Hidrocarburos e ter toda a información posíbel sobre os cambios no marco regulador do sector. Tamén se lle dará traslado da inquedanza que existe entre o persoal polo futuro do sector e a relevancia que ten que as administracións públicas se impliquen para garantir os recursos e os medios que xeren estabilidade nesta actividade.

Nesta rolda de contactos, a CIG-Industria xa se reuniu coa deputada do Parlamento Europeo, Ana Miranda, coa deputada do BNG no Parlamento Galego, Noa Presas, coa Xunta de Galiza e co INEGA, dende onde se avaliou a posibilidade, entre outras, de promover axudas de I+D+I destinadas á investigación de produtos de segunda xeración.

Cambios normativos a nivel europeo

A CIG  pide que se clarifique o futuro da produción de biodiésel diante dos cambios normativos que se están a formular a nivel europeo, tanto no que ten a ver co levantamento de aranceis á produción estranxeira como no relativo ás posíbeis prohibicións do uso do aceite de palma como materia prima. A central sindical amósase especialmente preocupada por como as decisións políticas poden afectar á viabilidade de Masol Iberia Biofuel -a planta que a multinacional Musim Mas ten no porto exterior de Ferrol-, e que hai uns anos xa atravesou unha complicada situación laboral pola falta de regulamento no sector.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM