A CIG non asina o acordo do ERE do Popular-Pastor porque supón perder uns 400 empregos na Galiza

A Sección Sindical rexeita os argumentos da empresa e critica que non aceptara aplicar medidas alternativas de organización
Publicado por o día 07/11/2016 na sección de CIG,Galicia,Protestas,Sindicatos,Vigo

A CIG non asina o acordo do ERE do Popular-Pastor porque supón perder uns 400 empregos na Galiza

A Sección Sindical da CIG nos bancos Pastor e Popular non asinou o acordo para o expediente de regulación polas graves repercusións que ten para Galiza: perderanse uns 400 postos de traballo, pecharán un total de 42 oficinas e outras 25 sufrirán un peche parcial. Unhas cifras que a central nacionalista considera intolerábeis e que se poderían paliar se a entidade aceptara aplicar medidas alternativas de organización.

A CIG non se sumou ao acordo entre os sindicatos de ámbito estatal e os representantes da entidade porque tampouco comparte as razóns da empresa para levar a cabo este expediente. “Non é certo que sobren 2.592 persoas (en realidade na rede de oficinas falta de persoal), e isto sábeo tamén a empresa que incluso recoñeceu que é un problema de organización do traballo”, subliñan.

Xunto a isto, a Sección Sindical cuestiona a “voluntariedade” das saídas do persoal, xa que a empresa está a recorre á baza do medo e a incerteza das traballadoras e traballadores afectados con respecto ao futuro. “A ‘voluntariedade’ na maioría dos casos é unha escolla entre o ‘malo e o peor'”, denuncian.

De igual xeito, dende a central nacionalista non se acepta a xustificación do banco para non aplicar medidas alternativas de reorganización do cadro de persoal, tal e como podería ser un acordo de prexubilacións. “A empresa alude a dificultades económicas, pero hai recursos suficientes, simplemente as traballadoras e traballadores do banco non son prioritarios”, critican nun comunicado.

A unidade nas mobilizacións non tivo reflexo na mesa de negociacións

En canto á acción sindical, a representación da CIG recoñece que a lexislación actual facilita as empresas a aplicación dun expediente de despedimento colectivo, pero lembra que unha oposición firme e unitaria de toda a representación sindical “é un elemento determinante para poder defender o mantemento dos postos de traballo”.

E nese senso, lamenta que a unidade de acción sindical que se materializou nas concentracións e manifestacións realizadas por todo o país (iniciadas pola CIG coa celebración dunha asemblea de traballadoras e traballadores), non tivo pola contra un claro reflexo na mesa de negociación, aceptando os sindicatos asinantes do acordo as razóns aludidas pola empresa para a presentación e aplicación do expediente de despedimento colectivo.

Dende a CIG queren agradecer a todos as compañeiras e compañeiros a súa participación fas concentracións e manifestacións convocadas na defensa dos postos de traballo e animan ao persoal a continuar na loita.

Una respuesta para "A CIG non asina o acordo do ERE do Popular-Pastor porque supón perder uns 400 empregos na Galiza"

  1. Francisco   10/11/2016 at 0:07

    Sempre igual, e nunca firma el e despois son os primeiros en salir no ERE, delegados primeiros claro!!!