A CIG pide paralizar o concurso de seguridade dos edificios da Xunta “porque precariza o sector”

Demanda que se saque un novo orzamento que garanta as condicións laborais do persoal
Publicado por o día 23/01/2018 na sección de BNG,CIG,Política,Sindicatos

A CIG pide paralizar o concurso de seguridade dos edificios da Xunta “porque precariza o sector”

O responsábel do sector de seguridade privada da CIG-Servizos en Compostela, José Antonio Antas, mantivo esta mañá unha xuntanza co BNG para abordar o proceso de licitación do servizo de vixilancia e seguridade dos edificios da Xunta de Galiza e explicar as alegacións presentadas pola central sindical contra do mesmo, xa que o orzamento fixado  no prego de cláusulas administrativas resulta insuficiente para cubrir tan sequera os custes laborais.

“As condicións laborais e salariais dos 167 traballadores e traballadoras deste servizo non se poden garantir coas cartos consignados nos pregos. Dende a CIG demandamos da Xunta que licite un novo concurso no que se recollan os custes reais do servizo e se asigne un orzamento adecuado”, explica José Antonio Antas.

Considera “totalmente irresponsábel” que a Xunta prime a oferta económica das compañías sobre outras cuestións de carácter técnico, que xa que isto fomenta ás propostas á baixa “e que finalmente o recorte do gasto o acabemos asumindo os traballadores e as traballadoras”. Antas lembra que mañá mércores se abre o sobre C (coas ofertas económicas), e a partir de aí xa se coñeza a empresa que vai resultar adxudicataria.

Compañías low cost

Neste senso, o representante sindical advertiu que o exiguo orzamento fixado levou a que tan só se presentaran catro compañías ao proceso, resultado todas admitidas. Entre elas atópanse Sinergias de Vigilancia y Seguridad SA y Novosegur Seguridad Privada SA (antiga Marsegur), coñecidas no sector como empresas low cost “especialistas en precarizar as condicións laborais do persoal, non cumprir eficientemente os contratos cos clientes e reducir até un 40% os salarios con convenios de empresa para garantir os seus beneficios”.

É dicir, con este concurso a Xunta favorece a entrada de “empresas pirata” que “só buscan precarizar as condicións do persoal do sector para tirar maiores beneficios”. Por iso, dende a CIG-Servizos ínstase ao goberno galego a paralizar o proceso de inmediato e introducir cambios no presuposto co fin de que poida cubrir, como mínimo, o valor de todas as cargas económicas legalmente previstas en materia laboral que deberá asumir a empresa adxudicataria.

Iniciativas e preguntas parlamentares

Pola súa banda, durante a xuntanza desta mañá no Pazo do Hórreo coa CIG, a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, explicou que a súa formación xa presentou no Parlamento unha iniciativa pedindo a paralización do concurso e a negociación coa representación sindical dun novo prego de cláusulas administrativas; así como varias preguntas parlamentares interesándose polos criterios da administración galega para garantir que se respecten os dereitos laborais e salariais.