CIG-Saúde anima o persoal do SERGAS a reclamar a totalidade do permiso por coidado de familiar

A Federación lembra que unha sentenza do TSXG declara ilegal as limitacións impostas pola administración
Por o 04/01/2017 | Sección: CIG,Salud,Sanidad,Sindicatos,Vigo
CIG-Saúde anima o persoal do SERGAS a reclamar a totalidade do permiso por coidado de familiar
Compartir en:

A CIG-Saúde fai un chamamento a todo o persoal do SERGAS para que presente reclamación se a administración lle denega a totalidade do días aos que ten dereito por coidado dun/ha familiar. A Federación lembra que o TSXG declarou a ilegalidade e, en consecuencia, a nulidade da limitación estabelecida na instrución do SERGAS a respecto deste dereito.

O Estatuto Básico da/o Empregada/o Pública/o recolle o dereito que ten a traballadora/or a gozar dun permiso retribuído por coidado de familiar en situación de enfermidade ou hospitalización. Porén, o SERGAS segundo o criterio que estabeleza, concede ao seu persoal a totalidade dos días, ou un goce parcial deste dereito.

Para atallar esta irregularidade, e reclamar de vez o respecto á concesión deste dereito, “que non é potestativo da administración”, unha afiliada de CIG-Saúde, a través da asesoría xurídica da central sindical, interpuxo unha demanda por unha cuestión de ilegalidade, “para que o xulgado lle recoñecese o dereito que o SERGAS lle negaba”, explican.

O proceso rematou no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que estimou a cuestión de ilegalidade formulada polo Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 3 da Coruña, e en consecuencia, “declárase a ilegalidade e conseguinte nulidade da limitación do estabelecido na instrución do SERGAS”.

Non obstante a resolución xudicial, o Servizo Galego de Saúde, “no seu empeño de limitar o dereito ao permiso por coidado de familiar, recorre a sentenza. Porén o xuíz ditou un auto firme, polo que non cabe interpoñer recurso algún”, afirman dende CIG-Saúde.

Desde a Federación da CIG lamentan que, “unha vez máis sexan os xulgados quen obriguen ao SERGAS a respectar os dereitos das/os traballadoras/es recollidos na lexislación laboral”. Ao tempo que animan a todo o persoal a reclamar “cando o SERGAS lle denega a totalidade do días aos que ten dereito por coidado dun familiar”.