CIG-Saúde demanda que se manteñan os reforzos de persoal mentres os contaxios non baixen do 1%

Considera que debe continuar até que a taxa de incidencia non supere os 2 caso por cen mil habitantes
Publicado por o día 30/04/2020 na sección de CIG,Sanidad,Sindicatos

CIG-Saúde demanda que se manteñan os reforzos de persoal mentres os contaxios non baixen do 1%

A CIG-Saúde, ademais das medidas sociais que poida adoptar o goberno, exixe ao SERGAS que manteña os reforzos de cadro de persoal  mentres non se cumpran os parámetros recollidos no documento de recomendacións sanitarias para a estratexia de transición, do Centro de Coordinación de Alertas. Recomendacións que establecen que a taxa de contaxios estea por baixo do 1%; que os hospitais dispoñan do 50% de camas libres na UCI; que a taxa de hospitalización non supere o 30% e que a taxa de incidencia non supere 2 casos novos por cada cen mil habitantes. Demanda ademais que se prepare o sistema sanitario galego para unha posible repunta da pandemia en outono.

Sinala que ademais, nese documento se contemplan unha serie de medidas para implantar na sanidade pública con carácter permanente e estrutural. Medidas que van supoñer un cambio na organización do traballo e nas condicións laborais das/os traballadoras/es.

Mesa sectorial

A CIG-Saúde entende que polo carácter destas medidas, todas elas son materia de negociación do ámbito da mesa sectorial. Por iso agarda recibir, na maior brevidade posíbel, a convocatoria da reunión da mesma para abordar a negociación necesaria e que, a partir desta, poida xurdir no novo modelo sanitario fronte á COVID-19.

Neste sentido, a central sindical entende que para a implantación de  todas estas medidas vai ser  necesario un incremento no número de profesionais de xeito estábel. Por iso a secretaria nacional, María Xosé Abuín afirma que “urxe máis que nunca negociar o Plano de Ordenación de Recursos Humanos para identificar as necesidades asistenciais e dotar das/os profesionais necesarios con vínculo de estabilidade”.

Apunta ademais que, entre outras, estaríase a falar de:

Medidas  no ámbito hospitalario

  • Os expertos recomendan incrementar a capacidade asistencial, para evitar poñer ao sistema sanitario, as/os profesionais e a poboación en risco.
  • A capacidade asistencial pasa por incrementar as camas de hospitalización e as camas de UCI con persoal propio, e non trasladando persoal de outras unidades do ámbito asistencial.
  • Protocolos específicos de saúde laboral en función do risco.
  • Así como da información, formación e dotación do material necesario.

Medidas no ámbito de Atención Primaria

  • Reforzar a capacidade diagnóstica.
  • Organización dos circuítos separados para a atención presencial das persoas con síntomas respiratorios
  • Modificar axendas de traballo potenciando consultas telefónica como elemento regulador da demanda presencial.
  • Reforzar a atención domiciliaria.
  • Reforzar o número de traballadoras/es para permitir axendas con 10 min de separación entre pacientes.
  • Dotación de material de protección e EPIs, adecuados e adaptados ao risco.
  • Protocolos específicos de saúde laboral, previa avaliación dos riscos.

 

Alerta ante un posible repunta de contaxios en outono

Abuín sinala tamén que as alertas sanitarias apuntan a unha posible repunta da pandemia nos meses de outono e advirte que “non pode coller desprevido ao sistema sanitario”. De aí a urxencia de negociar, canto antes todas as materias no relativo a persoal, seguridade laboral, dotación de recursos humanos, formación e dotación de material de protección e EPIs.

A CIG-Saúde sinala que “esta pandemia, por descoñecida, colleu desprevido ao sistema sanitario”. Por iso considera que ante a súa posible repunta “o sistema sanitario ten que estar fortalecido e, o máis importante, o seu persoal protexido”.

Entende ademais que para o desenvolvemento destas materia e de outras, “o SERGAS contará coa opinión da Comisión Clínica que esta constituída para o asesoramento da COVID-19”. Por iso solicita coñecer a súa composición, co nome, categoría e ámbito de traballo das persoas que a constitúen.

Comentar noticia

Your email address will not be published.