CIG-SAÚDE esixe que se negocie o Plan de Reactivación Asistencial en Atención Primaria en relación coa Covid19

Rexeita que a Consellaría pretenda retomar a actividade mantendo a deficiente organización previa á crise
Publicado por o día 06/05/2020 na sección de CIG,Salud,Sanidad,Sindicatos

CIG-SAÚDE esixe que se negocie o Plan de Reactivación Asistencial en Atención Primaria en relación coa Covid19

A CIG-Saúde considera “impresentábel” que o SERGAS teña publicado o Plan de Reactivación Asistencial en Atención Primaria sen reunir previamente á representación social nin ao Consello Técnico de Primaria, sen atender as alegacións presentadas e pretendendo, ademais, retomar o funcionamento previo á crise sanitaria, que adoecía de graves deficiencias organizativas e de persoal e falta de orzamento suficiente.

Dende a Dirección de Recursos Humanos e dende o Consello Técnico de Primaria (a comisión creada para negociar o novo plan de atención primaria) remitiron un documento para a recuperación da actividade asistencial nos centros de saúde e PAC que, segundo a Administración, pretendía ser o plan de actuación cara ás/aos profesionais de Atención Primaria para atender á Covid19.

Este documento, explica a secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, foi enviado a pasada semana “coa indicación de que podíamos presentar alegacións até o 4 de maio, mais sen aclarar como ía ser o método de negociación ou se habería sequera negociación”.

Negociar na Mesa Sectorial e na Comisión Técnica

Así, a central nacionalista remitiu as súas alegacións ao texto e unha serie de propostas  para a mellora da atención sanitaria. “Pero para a nosa sorpresa, no día de onte, martes, o SERGAS presenta unha nova versión do documento, sen ter en conta ás nosas achegas, e co obxectivo, ao parecer, de volver ao funcionamento da Atención Primaria previo á crise”.

Para a CIG-Saúde non é de recibo que sendo a Atención Primaria un piar fundamental no proceso de ‘desescalada’, a Consellaría de Sanidade pretenda retornar á deficiente organización anterior, mais aínda despois das intensas mobilizacións do persoal que derivaron na creación da Comisión Técnica. “No ámbito desa comisión e na Mesa Sectorial é onde a Administración ten que negociar unha nova organización da Atención Primaria que recolla o aprendido nesta crise mais tamén todas as demandas que existían con anterioridade”, asevera Abuín.

Neste senso, demanda do SERGAS que reconsidere a súa actuación e que “non confunda a información coa negociación e a participación das/os profesionais de Atención Primaria”.

Reducir contaxios, reforzar os cadros de persoal e dotar a Atención Primaria de recursos

Para a CIG-Saúde os obxectivos da estratexia de reactivación da actividade asistencial en Atención Primaria deben pasar por reducir do risco de contaxios ao máximo posíbel tanto entre a poboación como entre os e as profesionais; dirixir a actividade fronte á Covid19 á detención de casos e investigación de contactos que faciliten o illamento individual; reiniciar a actividade clínica coas/os doentes con problemas de outras patoloxías; e iniciar plans de cobertura de poboación vulnerábel.

De maneira conxunta a estas medidas asistenciais, María Xosé Abuín subliña a urxencia de negociar un Plan de Ordenación de Recursos Humanos para identificar as necesidades de persoal de todas as categorías e para dotar con prazas estábeis a Atención Primaria e destinar un orzamento propio e crear unha Xerencia de Atención Primaria para poder desenvolver programas de saúde sen estar supeditada aos hospitais.

Así mesmo, reforzar a prevención de riscos laborais, posto que a seguridade e a protección das/os profesionais “é unha obriga do SERGAS que non pode estar supeditada á dispoñibilidade de material”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.