CIG Saúde Vigo sobre as obras do aparcadoiro municipal no Hospital Álvaro Cunqueiro

Por o 11/08/2017 | Sección: CIG,Galicia,Sindicatos,Vigo
CIG Saúde Vigo sobre as obras do aparcadoiro municipal no Hospital Álvaro Cunqueiro

CIG-SAÚDE da comarca de Vigo solicitou o pasado 6 de febreiro ante a EOXI de Vigo información sobre os terreos anexos ao hospital e que na actualidade están sen urbanizar e algún incluso permanece valado. Na solicitude se incluía a posibilidade de utilizar eses terreos para ampliar as prazas de aparcamento existentes, creando unha alternativa gratuíta ao aparcadoiro, privado e de pago, que na actualidade ofrece en exclusiva a empresa propietaria do Hospital Álvaro Cunqueiro co consentimento da Consellería de Sanidade.

Ante esta solicitude, esta xerencia respóndenos alegando que isto non está contemplado nos usos atribuídos no PSIS (Proxecto Sectorial de Incidencia Supramunicipal) do Novo Hospital de Vigo, e por outra banda consideran que o número actual de prazas son suficientes polo que non está xustificado o uso destes terreos, sen precisar que as prazas actuais son todas de pago.

O Concello de Vigo, diante da falta de alternativa, decide unilateralmente a construción dun parking municipal “gratuíto para os vigueses”. Dita actuación precisou dun “cambio de uso” dunha parcela anexa ao hospital, e está previsto un orzamento próximo aos 600.000 euros.

CIG-SAÚDE da comarca de Vigo considera que, sendo precisa unha alternativa gratuíta para a totalidade das usuarias e usuarios do Hospital Álvaro Cunqueiro, non debería ser o Concello de Vigo o que se vexa obrigado a dar esta alternativa investindo uns cartos da cidadanía de Vigo, incluso coa posibilidade de ser só gratuíta para estes, por ser esta innecesaria.

CIG-SAÚDE da comarca de Vigo considera que, para ter un aparcamento gratuíto para a totalidade das usuarias e usuarios do Hospital Álvaro Cunqueiro, o máis lóxico sería converter en gratuíto o aparcamento xa construído, que tería capacidade suficiente para dar resposta ás necesidades das usuarias e usuarios. Esta medida choca frontalmente co modelo de hospital-negocio co que se construí o Novo Hospital de Vigo por decisión do Partido Popular.

CIG-SAÚDE da comarca de Vigo entende que ten que ser a Xunta quen facilite a esta poboación a alternativa gratuíta ao aparcadoiro de pago, e para facelo xa dispón de terreos da súa propiedade anexos ao Novo Hospital.

Por todo isto esiximos, unha vez máis dende CIG-SAÚDE, que se habiliten os terreos xa en propiedade do SERGAS para unha alternativa gratuíta ao actual aparcamento privado e de pago.

Rubens Rocha

Nado en Vigo hai 35 anos. Nacionalista Galego, Fotoxornalista, activista defensor dos dereitos humanos e ambientais. Buscando que se recoñeza e respecte os patrimonios da cidade de Vigo.

Comentar noticia

Your email address will not be published.