O CIM de Mos fai balance dos seus 2 primeiros meses de vida

23 mosenses recibiron asesoramento xurídico e atención psicolóxica dende a apertura do centro o pasado mes de xuño
Por o 10/08/2017 | Sección: Galicia,Mos
O CIM de Mos fai balance dos seus 2 primeiros meses de vida

O día 1 de xuño comezou a prestarse atención ao público no Centro de Información á Muller, CIM, do Concello de Mos. Dende entón, e durante os seus dous primeiros meses de vida, foron atendidos no Centro de Información á Muller mosense un total de 23 usuarios: 22 mulleres e 1 home. Todos/as os/as usuarios/as que recibiron atención eran veciños/as de Mos e algúns deles/as asistiron xa ata a tres sesión ou citas no Centro dende a súa apertura. No caso da intervención psicolóxica, ademais dos/as usuarios/as, son tamén atendidos psicolóxicamente os/as menores ao seu cargo integrantes da unidade familiar.

Dos 23 usuarios do CIM de Mos, 5 deles/as recibiron atención psicolóxica, 15 asesoramento xurídico e 3 recibiron ambos servizos. Todos/as os/as usuarios/as beneficiarios/as do servizo de atención psicolóxica asistiron xa a varias sesións.

O horario de atención psicolóxica no CIM de Mos é os luns e mércores, de 09.00 horas a 14.00 horas, e a atención xurídica os martes e venres de 09.00 horas a 14.00 horas e os xoves de 15.30 horas a 20.30 horas; de xeito que o centro está aberto tódolos días da semana de luns a venres.

O teléfono para pedir cita para o CIM é o mesmo que o do departamento municipal de Servizos Sociais, o 986337278. O Centro de Información á Muller de Mos conta con tres traballadoras: unha directora, que é a psicóloga municipal, unha psicóloga e unha abogada. As instalacións do CIM atópanse ubicadas nos baixos do edificio municipal que alberga as dependencias de Urbanismo e Servizos Sociais.

O edificio municipal no que se atopan os departamentos de Urbanismo e Servizos Sociais contaba con dúas estancias baleiras e dispoñibles para destinar a este novo centro, que ademais, atópase ubicado a poucos metros da Casa Consistorial.

A finais do pasado mes de febreiro anunciábase xa dende a administración local mosense que se estaba a xestionar coa Xunta de Galicia a creación dun Centro de Información á Muller na localidade e que se estaba a traballar nun proxecto que lle sería presentado á Secretaría Xeral da Igualdade. Tras 3 meses de xestións o novo CIM de Mos era xa unha realidade.

Ata o de agora os e as mosenses que solicitaban os servizos do CIM, debían acudir ó da veciña localidade do Porriño, feito que cambiou coa implantación dun Centro en Mos, que lles evita aos/ás usuarios/as ter que desprazarse.

O CIM de Mos é o número 28 da provincia de Pontevedra, e o 81 Centro de Información á Muller de Galicia. Actualmente existen 82 na Comunidade Autónoma Galega.

Os Centros de Información ás Mulleres son un servizo de titularidade municipal que, entre outras actividades, proporciona asesoramento xurídico e atención psicolóxica especializada tanto a maiores de idade coma ás persoas menores, orientación profesional, teleasistencia móbil para vítimas de violencia de xénero, información dos recursos e máis información encamiñada a conquerir a igualdade. Os 82 CIM galegos existentes actualmente reciben preto de 80.000 consultas anuais (das cales preto de 30.000 son para atención psicolóxica e 10.000 de vítimas de violencia de xénero) e atenden a preto de 20.000 persoas anuais. 20.000 persoas que son na súa maioría mulleres novas, con fillos, cun nivel básico de estudos e das que o 38% está en situación de desemprego.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.