O CIM de Ponte Caldelas pende dun fío se o Concello non solicita a subvención

A data límite para a petición das axudas é o 24 deste mes.
Publicado por o día 11/07/2017 na sección de Galicia,Pontevedra

O pasado mes de maio unha sentenza do xulgado do Social número 3 de Pontevedra obrigou ó Concello de Ponte Caldelas a readmitir ás dúas técnicas do Centro de Información da Muller (CIM) -nas mesmas condicións que tiñan antes de producirse o despido- e a indemnizalas por despido nulo ó vulnerar o seu dereito a tutela xudicial efectiva e considerar probado que tanto a avogada como a psicóloga mantiñan unha relación laboral co consistorio e que estiveron traballando no centro desde xullo desde 2006 ata o peche do servizo o 31 de decembro de 2016.

O goberno local anunciou entón a súa intención de recorrer a sentenza ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O caso está pendente de revisión porén as técnicas reincorporáronse ós seus postos a principios de xullo tras ter que presentar unha demanda de execución de sentenza. Cómpre recordar que o artigo 118 da Constitución española di que “é obrigado cumprir as sentenzas e demais resolucións firmes dos xuíces e Tribunais, así como prestar a colaboración requirida por estes no curso do proceso e na execución do resolto”, o Concello de Ponte Caldelas optou por dificultar a reincorporación das técnicas sen facer o posible por concretar as condicións e tempos da readmisión.

Desde ASOCIM consideran fundamental o mantemento en óptimas condicións dun servizo tan importante na promoción da igualdade e na prevención contra a violencia de xénero. O traballo das técnicas do CIM é imprescindible porque supón unha atención especializada, personalizada e directa con usuarias ás que achega asesoramento e apoio xurídico, psicolóxico e informativo. Esta asociación tamén quere facer fincapé na importancia de que o servizo sexa prestado conforme ás características e funcións que establece o Decreto 130/2016.

A SUBVENCIÓN DE AXUDAS PARA O CIM

Ó pouco de reincorporarse ós seus postos de traballo, as técnicas tiveron coñecemento da resolución que establece as bases das subvencións das axudas correspondentes ó programa CIM da Secretaría Xeral de Igualdade 2017/2018. A liña de axudas para os Centros de Información á Muller ten como obxectivo reforzar a súa funcionalidade, consolidar os postos e o perfil profesional das persoas que prestan servizos neles e a contratación laboral temporal ou mercantil de profesionais para a prestación dos servizos de 1 DOG 119 do venres, 23 de xuño http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170623/AnuncioG0244-160617-0001_gl.html asesoramento xurídico ou de atención psicolóxica. A contía máxima que pode recibir unha entidade local por este programa é de 45.000 euros no caso dunha solicitude individual.

Como CIM acreditado Ponte Caldelas ten a oportunidade de optar estas axudas e así asegurar o financiamento do centro. Malia que o prazo remata o 24 deste mes, a corporación municipal aínda non fixo petición algunha.

Desde esta asociación manifestan a súa preocupación polo futuro do servizo, porque se o equipo de goberno persiste en non solicitar a axuda, Ponte Caldelas perderá o CIM, quedando fora da rede pública e profesional dos CIMs de Galicia, unha situación que repercutiría negativamente nas usuarias do servizo, mulleres que ou ben son vítimas de violencia de xénero, ou ben se atopan nunha situación de vulnerabilidade. Por iso, a asociación que agrupa ás profesionais dos CIM insta ó Concello a axilizar a tramitación destas axudas en aras de asegurar a permanencia dun espazo que proporciona, grazas a un equipo de profesionais de probada valía, atención próxima, especializada e integral ás usuarias.