Cinbio superou nos últimos tres anos os 20 millóns de euros de financiamento, as 550 publicacións e creou cinco spin-off

Na sesión fíxose balance da actividade e déronse a coñecer algunhas investigacións
Publicado por o día 22/03/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Cinbio superou nos últimos tres anos os 20 millóns de euros de financiamento, as 550 publicacións e creou cinco spin-off

213 persoas integran a día de hoxe o Centro de Investigacións Biomédicas, Cinbio, un centro singular de investigación, que botou a andar no ano 2009 e que hoxe, unha década despois da súa creación, reuniu ao seu persoal no seu primeiro encontro anual, co obxectivo de facer balance, coñecer o traballo dalgúns dos grupos de investigación que o integran e premiar a, neste caso, á investigadora Ana Sousa pola publicación do artigo con maior índice de impacto IF 2018. “É un día de festa, de encontro persoal do centro e que queremos que teña continuidade. Un día para todos, para poñer cousas en común e recoller opinións, co obxectivo de seguir progresando, coñecernos mellor, tender pontes entre os grupos e sobre todo entre o alumnado pre e postdoc”, explica África González, directora do Cinbio.

Precisamente foi a catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo a encargada de facer balance da traxectoria do Centro de Investigacións Biomédicas desde o seu nacemento ata a actualidade e fixar algúns obxectivos, que considera que o Cinbio debe enfrontar, como acadar o financiamento que outorga a Xunta para asegurar a súa continuidade como centro singular de investigación de Galicia ou a necesidade de incrementar a colaboración dos grupos do centro coas empresas. González foi a primeira en tomar a palabra neste encontro no que Mercedes Peleteiro, responsable do Servizo de citometría, foi a encargada de detallar a actividade e equipamentos cos que contan os cinco servizos que integran na actualidade o Cinbio, á espera da entrada en funcionamento en breve do Laboratorio de contención biolóxica nivel 3. Pola súa banda, os investigadores David Posada e Herminia Domínguez detallaron o traballo que desenvolven no Laboratorio de Filoxenómica e no Grupo EQ-2, respectivamente, mentres que Yolanda Diz e Gustavo Bodelón achegaron ás e aos asistentes á xornada a súa experiencia como investigadores emerxentes. Tras a celebración dun espazo para a posta en común de ideas, a sesión finalizou coa entrega a Ana Sousa do premio ao artigo orixinal con maior IF 2018.

213 persoas; 552 publicacións e cinco spin-off

Tras lembrar o seu inicio no ano 2009 e a importancia que para o desenvolvemento do centro tivo a concesión do proxecto europeo Biocaps, África González repasou as grandes cifras do Cinbio, “que se estableceu cunha base multidisciplinar, colaborando con hospitais e con algunhas áreas únicas en Galicia, coa misión de crear e transferir coñecemento e innovación no ámbito biomédico, baixo un enfoque colaborativo e multidisciplinar”, lembrou a directora.

213 persoas, das que 120 son mulleres e 93 homes, traballan a día de hoxe no Centro de Investigacións Biomédicas, que xerou entre os anos 2016 e outubro de 2018 un total de 552 publicacións, cun ratio de 13 publicacións de media ao ano e un factor de impacto acumulado de 2352 e un factor de impacto medio de 4,62. O financiamento acumulado entre 2016 e 2018 ascendeu a máis de 20 millóns de euros e o número de patentes e software, durante ese período, ascendeu a 27. En canto aos proxectos activos, no ano 2018 eran 55, tres máis que en 2017 e nove máis que en 2016. “Nestes tres anos desenvolvéronse ademais cinco spin-off e é difícil crear máis nun centro como o noso, pero amosa que temos xente innovadora e con ganas de desenvolver empresas”, explicou González, que tamén destacou na súa exposición a recente consecución do certificado ISO 9001 nos servizos de Bioexperimentación, Citometría de fluxo, Bioloxía molecular, Histoloxía e Microscopía e Interaccións moleculares, que conforman o Cinbio.

Ademais dos traballos de investigación que o centro desenvolve nas súas cinco liñas de traballo principais: cáncer, inmunidade e inflamación, neurociencias, biosaúde e obesidade e as transversais: bioestatística/bioinformática e novos métodos de prevención diagnose-terapia, a directora do Cinbio lembrou as actividades que o seu persoal tamén leva a cabo no ámbito da divulgación coa celebración de xornadas de portas abertas e actividades como Pint of Science.

Comentar noticia

Your email address will not be published.