Cinco lumes activos calcinan Galicia

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 13,30 h. de hoxe
Publicado por o día 14/09/2019 na sección de Sucesos,Medio Ambiente

Cinco lumes activos calcinan Galicia

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 13,30 h. de hoxe.

Activo A Gudiña

Permanece activo desde as 19,07 h. de onte o incendio no municipio da Gudiña, parroquia de Barxa, tras entrar por Portugal. Segundo as últimas estimacións afecta unhas 440 hectáreas. Esta medición é provisional ata que se parametrice a superficie final afectada. No seu control levan traballado 1 técnico, 9 axentes, 27 brigadas, 17 motobombas, 4 pas, 4 helicópteros e 2 avións. Tamén colaboran efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Activo Riós

Ás 00,36 h. desta madrugada comezaba o lume no concello de Riós, parroquia do Navallo, que permanece activo arestora. Segundo novas estimacións, a superficie afectada é dunhas 60 hectáreas. Nos traballos de control levan participado 7 axentes, 16 brigadas, 9 motobombas, 1 avión e 1 helicóptero.

Activo Chandrexa de Queixa

Permanece tamén activo desde as 1,11 h. da madrugada o incendio no concello de Chandrexa de Queixa, parroquia de Casteloais. Segundo as primeiras estimacións, afecta unhas 20 hectáreas de superficie. No seu control levan traballado 2 axentes, 8 brigadas, 5 motobombas e 2 helicópteros.

Activo Quiroga – Hospital

Tamén permanece activo desde as 20,40 h. de onte o lume rexistrado no concello de Quiroga, parroquia do Hospital. Segundo novas estimacións, a superficie afectada é de 110 hectáreas. No seu control levan participado 1 técnico, 5 axentes, 22 brigadas, 10 motobombas, 3 pas, 8 avións e 6 helicópteros.

Activo Quiroga – Enciñeira

Tamén permanece activo outro lume no concello de Quiroga, esta vez na parroquia da Enciñeira, logo de comezar ás 1,40 h. desta madrugada. Segundo as últimas estimacións, a superficie afectada é de 45 hectáreas. No seu control mobilizáronse 5 axentes, 12 brigadas, 6 motobombas, 1 pa, 5 avións e 5 helicópteros.

Controlado Palas de Rei

Permanece controlado desde as 6,13 h. desta mañá o incendio que se rexistraba onte ás 20,58 h. no concello lugués de Palas de Rei, parroquia de Cabana. Segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 28 hectáreas, das cales 14 son de monte raso e 14 de arborado. Nos labores de extinción levan traballado 4 axentes, 9 brigadas, 10 motobombas e 2 pas.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de Twitter: @incendios085.