Cinco medallas para o equipo vigués no arranque da nova liga interrexional de Orientación

Diego e Germán Pérez, Ana Iglesias e Vicente Pastoriza recolleron os trofeos correspondentes a 2019
Publicado por o día 22/01/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Cinco medallas para o equipo vigués no arranque da nova liga interrexional de Orientación

As corredoras e corredores do equipo de Orientación da Universidade de Vigo arrancaron a nova tempada da liga inter-rexional Galiza-Norte de Portugal colgándose dúas medallas de prata, conseguidas por Ana Iglesias (F40) e Begoña Crespo (F45), e tres de bronce, da man de Diego Pérez (M16), Germán Perez (M45) e Cristina Fernández (F40). A estes excelentes resultados hai que sumar ademais os máis que meritorios postos conseguidos por Francisco Jesús Burgos (4º en M35) e Sabela Pérez, Patricio Peláez e Olimpia Álvarez (5º posto en F12, M45 e F45, respectivamente).

A carreira, celebrada o sábado no piñeiral de Caminha, desenvolveuse nun mapa pouco frecuente en Galicia, pero moito máis habitual na liña costeira lusa, e que obrigou aos corredores a unha alta concentración e velocidade, así como a realizar unha boa elección de rutas. “Cabe subliñar a alta participación do noso club, que con 20 persoas inscritas, convertíase no segundo club de toda Galicia en canto a participantes na citada proba”, explica Ricardo Figueroa, novo director técnico da Sección de Orientación da Universidade de Vigo, quen adiantou que esta liga constará, ao longo do ano, dun total de seis probas –tres en Galicia e tres en Portugal-, sendo a vindeira cita o 14 de marzo en Betanzos.

Entrega de trofeos da liga 2019

Coincidindo co arranque da liga 2020 realizouse tamén a entrega de trofeos da Liga Inter-Rexional Galiza-Norte de Portugal do ano 2019, onde destacaron os resultados obtidos polos deportistas da Universidade de Vigo, con cadanseu primeiro posto de Diego Pérez (M14), Ana Iglesias (F40) e Vicente Pastoriza (M40), así como o segundo posto obtido por Germán Pérez (M45).

Para completar a xornada, xa pola tarde, celebrouse tamén unha proba rexional norte de Portugal na que, novamente, unha das figuras máis novas do equipo, Diego Pérez, conseguía un destacado segundo posto na súa categoría, Xuvenís Masculino. Unha vez rematada esta proba, o grupo de Tecnificación da Federación Galega de Orientación mantivo unha charla co grupo de rapazas e rapaces -no que está tamén Diego Pérez- para analizar as carreiras do día, e ir comezando a planificación desta nova tempada.

A seguinte cita será en Lugo o 8 de febreiro

A seguinte proba na que competirá o equipo de Orientación da Universidade de Vigo será na cidade de Lugo, onde se celebrará, o vindeiro día 8 de febreiro, a 1ª proba da Liga O Pé 2020.

Comentar noticia

Your email address will not be published.