Cinco novos Concellos abren o prazo de inscrición para o programa da DEP “Tecendo lazos 2018”

Silleda, Mos, Cerdedo-Cotobade, Covelo e A Illa de Arousa inician o prazo para anotarse nos talleres que buscan promover espazos de encontro entre xeracións.
Publicado por o día 18/10/2018 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Mos

Cinco novos Concellos abren o prazo de inscrición para o programa da DEP “Tecendo lazos 2018”

Os concellos de Silleda, Mos, Cerdedo-Cotobade, Covelo e a Illa de Arousa veñen de abrir os prazos de inscrición en diversos obradoiros do programa “Tecendo Lazos 2018”, impulsado pola Deputación de Pontevedra. Trátase dunha iniciativa que consiste en realizar talleres nos municipios adheridos para promover espazos de encontro entre as distintas xeracións familiares, sensibilizando e intercambiando aprendizaxes, recursos e ideas.

No concello de Silleda vaise desenvolver o obradoiro “Risoterapia e Mindfulness”.

O prazo de inscrición está aberto, no propio concello, ata o vindeiro 29 de outubro.

En Mos, mantense aberta a inscrición, na OMIX e no rexistro do consistorio, ata o 12 de decembro e o taller será de “Creación de Xoguetes Tradicionais”. Ese mesmo obradoiro desenvolverase en Covelo, onde está aberta a inscrición ata o 22 de outubro no departamento de Servizo Sociais, e tamén en Cerdedo- Cotobade, onde as persoas interesadas poderán inscribirse ata o 11 de decembro na OMIX da Chan en Carballedo. Na Illa de Arousa, distintas xeracións traballarán sobre “Patchwork” e as persoas interesadas poden anotarse, no rexistro municipal, ata o próximo 16 de novembro.

Con estes cinco novos municipios, na actualidade son 14 os concellos que manteñen aberto o prazo de inscrición nos distintos obradoiros de “Tecendo Lazos 2018”. Ao igual que estas vilas, os 38 da provincia adheridos este ano ao programa, irán iniciando nestas semanas as inscricións nos seus talleres, que se desenvolverán entre os meses de setembro e decembro.

A Deputación de Pontevedra destina este ano un total de 60.000 euros ao programa “Tecendo Lazos”, no que se poderán desenvolver ata 52 obradoiros. En cada taller poden anotarse persoas de entre 6 e 99 anos de idade, tendo un mínimo de 10 persoas e un máximo de 30, cun mínimo do 40% de menores. A súa duración será de 16 horas lectivas e axustaranse a catro temáticas diferentes: “Risas en familia”, “Xogos e xoguetes tradicionais: xogando en familia”, “O noso son: bailes e cancións de agora e de sempre” e “Faino ti”.

Todos os obradoiros inclúen o módulo “A historia do meu municipio”, a través do que as persoas participantes se achegarán máis polo miúdo á historia do seu propio concello, recompilando historias, lendas, contos ou fotografías dos mesmos.

Cada municipio elaborará un traballo que se presentará a un concurso, que na pasada edición de 2017 gañou o concello da Lama co proxecto “Andando gaña o muíño, que parado está perdido”.

“Tecendo Lazos” diríxese aos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, que se adheriron ao programa e que nesta edición son 38: Baiona, Barro, Caldas de Reis, Campo Lameiro, A Cañiza, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, Fornelos de Montes, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, A Lama, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Mondariz-Balneario, Moraña, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponte Caldelas, Pontecesures, O Porriño, Portas, Ribadumia, O Rosal, Salceda de Caselas, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Valga e Vila de Cruces.

Este ano sumáronse 12 concellos máis a esta iniciativa, xa que en 2017 participaron en “Tecendo Lazos” 26 municipios da provincia. En concreto, o ano pasado tomaron parte nos distintos obradoiros realizados un total de 534 persoas, cunha media de entre 19 e 20 persoas en cada un dos talleres realizados.