Cinco operarios feridos, un deles grave, ao producirse unha explosión nunha nave en Padrón

Publicado por o día 23/01/2018 na sección de Sucesos

Cinco operarios feridos, un deles grave, ao producirse unha explosión nunha nave en Padrón

Cinco traballadores resultaron feridos, un deles con queimaduras de gravidade, ao producirse unha explosión mentres realizaban tarefas de illamento nunhas tubaxes dunha nave en Padrón.

Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, o operario ferido grave foi evacuado no helicóptero medicalizado con base en Santiago ata o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña e os outros catro traballadores foron trasladados con feridas leves ao Punto de Atención Continuada de Padrón.


Debido á explosión produciuse un pequeno incendio que foi rapidamente apagado polos operarios.

Os feitos ocorreron no lugar de Paraíso, na parroquia de Iria Flavia. O 112 Galicia tivo constancia do accidente laboral ás 15:55 horas, a través da alerta do 061-Urxencias Sanitarias.

A partir de aí, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia púxose a situación en coñecemento da Policía Local e do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Padrón.

Excarcerado un home tras envorcar o camión no que circulaba en Muxía

Un home resultou ferido esta tarde en Muxía ao envorcar  o camión de formigón no que viaxaba. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, a vítima, que foi trasladada ao hospital Virxe da Xunqueira, tivo que ser excarcerada polos Bombeiros de Cee ao quedar atrapada no interior da cabina do vehículo. Ademais, a causa do accidente, o camión perdeu combustible na estrada, moi preto dun regato.

O sinistro tivo lugar na DP-3403, concretamente no punto quilométrico 3, ao fío das 13:00 horas. Nese momento, o 112 Galicia recibía a alerta do ocorrido a través dun particular.

Acto seguido, o persoal do CIAE 112 Galicia pasaba o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, á Garda Civil de Tráfico, aos Bombeiros de Cee, a Protección Civil, a Augas de Galicia e á Policía Autonómica.