Juancho Marqués, De Vacas, Chévere e Sarabela, protagonistas da programación cultural do primeiro cuadrimestre

O ciclo Cine e Lingua e a Semana de Cine Submarino completan a oferta da Universidade
Publicado por o día 14/10/2019 na sección de Eventos,Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Juancho Marqués, De Vacas, Chévere e Sarabela, protagonistas da programación cultural do primeiro cuadrimestre

Música, teatro e cine conforman a oferta da programación cultural do primeiro cuadrimestre da Universidade de Vigo, que comezará o vindeiro xoves, 17 de outubro, e se prolongará ata mediados de decembro. O rapeiro Juancho Marqués será o encargado de subir o pano da programación cun concerto solidario a prol da oenegué Enxeñería Sen Fronteiras, coa finalidade de recadar fondos para o desenvolvemento dun programa de acceso á auga no golfo de Fonseca (Honduras). O teatro dará a remuda ao rap o 7 de novembro coa actuación de Chévere, que porá en escena a obra Curva España, mentres que Sarabela Teatro presentará o 27 de novembro a súa nova produción Crónicas do paraíso. A música volverá o 4 de decembro coa actuación do grupo De Vacas, formado polas vocalistas Faia Díaz, Inés Salvado e Paula Romero, acompañadas á guitarra por Guillerme Fernández. O teatro Vidal Bolaño de Cidade Universitaria acollerá, a partir das 18.30, todas as actuacións, que son de balde, a excepción da de Juancho Marqués.

O cine completa a oferta cultural programada pola Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria para este primeiro cuadrimestre, primeiro, entre o 31 de outubro e o 11 de decembro, coa 11ª edición do ciclo Cine e Lingua, que ofrecerá no auditorio do Edificio Cambón cinco proxeccións en versión orixinal en inglés con subtítulos en español e coa 27ª edición da Semana de Cine Submarino, que se desenvolverá entre o 20 e o 22 de novembro no teatro Afundación.

Rap solidario e musica vocal de raíz

Tras unha década sobre os escenarios, o rapeiro Juancho Marqués ofrecerá este xoves sobre o escenario do Vidal Bolaño un concerto solidario a prol da oenegué Enxeñería Sen Fronteiras, no que soarán os temas do seu último disco Álbum Uno. O donativo de dous euros, que inclúe o pase obrigatorio que se debe retirar para acceder á actuación, destinarase a un proxecto que a ONG, creada hai 25 anos na Universidade de Vigo, está a desenvolver no sur de Honduras co obxectivo de garantir o dereito á auga da poboación. Para asistir ao concerto é preciso previamente retirar un pase, que inclúe un donativo a partir de dous euros, e que poderá recollerse o mércores entre as 12.00 e as 16.00 horas e o mesmo xoves desde ás 12.00 horas no teatro de Cidade Universitaria. As persoas que queiran colaborar cun donativo sen asistir ao concerto, poderán facelo a través dunha “fila cero” habilitada a tal efecto, e na que poderán participar nos mesmos horarios establecidos para a retirada dos pases. Cunha linguaxe lírica e un estilo descritivo, no que coida as súas mensaxes e as referencias que utiliza, Juancho Marqués presentará este xoves en Vigo o seu novo traballo Álbum Uno co que estará xirando por toda España ata o vindeiro ano.

O rap de Juancho Marqués dará paso o 4 de decembro á musica de De Vacas, “catro vacas que cantan e rin”, como elas mesmas se definen. Faia Díaz, Inés Salvado e Paula Romero, ás voces e Guillerme Hernández á guitarra mesturan voces e guitarra todos os idiomas, facendo versións, atinadamente “retranqueadas”, de temas internacionalmente coñecidos. De Vacas reivindican o “guachinein, esa lingua minorizada”, din elas, que tamén se recoñecen “amantes dos nosos poetas e de Enrique Iglesias”.

Dúas estreas teatrais con acento galego

As compañías Chévere e Sarabela achegaranse ao Vidal Bolaño para presentar as súas últimas montaxes, os días 7 e 27 de novembro, respectivamente. Curva España é a obra que Chéreve achegará ao público e na que, logo dun laborioso traballo de documentación e entrevistas,  recuperan a historia que rodea á curva España, situada na antiga carreteira de A Gudiña a Verín, en Ourense, e coñecida por este nome en lembranza do enxeñeiro José Fernández España, que morreu neste lugar, cando realizaba o deseño do trazado da variante sur da liña ferroviaria Puebla de Sanabria-Ourense. Miguel de Lira, Patricia Lorenzo, Lucia Estévez e Leticia T. Blanco, compoñen o elenco de actores e actrices desta obra.

Pola súa banda, Sarabela Teatro representará o 27 de novembro Crónicas do paraíso, unha versión libre das Crónicas de Sochantre, de Álvaro Cunqueiro. A obra presenta cinco personaxes na súa viaxe cara o funeral do Fidalgo de Quelven, unha trama que serve como escusa para una posta en escena con vocación contemporánea na que se mesturan a danza, a linguaxe non verbal e o texto. Dirixida por Gonçalo Guerrero, a obra está interpretada por Elena Seijo, Fernando Dacosta, Fran Lareu, Fina Calleja e Sabela Gago.

Cine en inglés e submarino

O cine tamén terá protagonismo na programación cultural do primeiro cuadrimestre por partida dobre. O 25 de outubro coa proxección de On the Waterfront, de Elia Kazan comezará a 11ª edición do ciclo Cine e Lingua, que incluirá cinco películas en versión orixinal inglesa e con subtítulos en español. O ciclo complétase o 15 e o 29 de novembro con The misfits de John Huston e Sunset Boulevard de Billy Wilder, respectivamente; o 13 de decembro con Design for living de Ernst Lubitsch e o 20 de decembro con Fargo dos irmáns Cohen. Todas as proxeccións, que serán presentadas polo profesor do Centro de Linguas Keith Payne, comezarán ás 20.00 horas no auditorio do Edificio Cambón do Casco Vello.

Pola súa banda, a Semana de Cine Submarino, que acada a 27 ª edición, desenvolverase entre os días 20 ao 22 de novembro no teatro Afundación.

Comentar noticia

Your email address will not be published.