Cineuropa proxecta este venres un documental que fala da vida dos percebeiros despois do “Prestige”

Cineuropa proxecta este venres un documental que fala da vida dos percebeiros despois do “Prestige”
Por o 14/11/2017 | Sección: Cultura,Galicia,Santiago
Cineuropa proxecta este venres un documental que fala da vida dos percebeiros despois do “Prestige”

Por Juan Torvo

Entre a onda e a rocha é un documental de 89 minutos que dá conta da vida dos percebeiros de Muxía durante unhas semanas do outono de 2015, antes da campaña de Nadal. O Cineuropa programará este filme, que rematou a postprodución o pasado verán, o venres en Compostela. E quince anos despois do Prestige, a película de Manuel Logar, un debutante, pasarase tamén en Muxía. Será este mesmo domingo en horario inda por confirmar.

Manuel Logar é un coruñés de 24 anos que estudou cine na ESCAC de Barcelona e presentou como proxecto de fin de grao Entre a onda e a rocha. Conta que ía na procura dunha historia que representase a loita do home diante da natureza. Leou a Muxía un equipo de seis persoas, entrevistou a unha decena de percebeiros e a máis xente da localidade. Ía mirar o mar e escoitar á xente. E topouse con cousas inesperadas.

“Para empezar, a paisaxe”, di, “para un mozo de cidade ese mar e esa costa ao lado da casa… foi unha sorpresa, foi impresionante”. O seguinte foi que a loita máis dura non se libraba entre o home e o mar, senón entre os homes. “Topámonos con que as principais dificultades do traballo viñan dos problemas, digamos, internos. Que había percebeiros que collían de máis e ao final iso enfadou a moita xente”, explica Manuel.

Muxía converteuse nunha personaxe do documental. E as relacións sociais, nunha metáfora das relacións co medio ambiente. “Todos, en calquera parte, tendemos a xustificarnos da mesma forma: se os demais non fan nada ou fano mal, por que vou facer eu outra cousa?”. O furtivismo, explica Logar, era un problema naqueles días.

E tiña que ver cun “cambio de mentalidade” que o cineasta vincula ao Prestige, aos efectos que causaron o obrigado parón no traballo e as subvencións compensatorias na forma de afrontar o futuro. “Cando remataron as axudas públicas, xusto cando empezaba a crise, algúns quixeron manter as ganancias e certo nivel de vida a base de esquilmar os recursos. Pode que aí empezara o problema”, di Logar.

Porén, o autor recoñece que no filme as relacións humanas tecen lazos máis fortes e que o traballo, o perigo do combate no mar contra a natureza, esixe cooperación e unidade. “Na película, os problemas quedan como zonas escuras porque finalmente os percebeiros son un, e acabarán por solucionar os seus problemas porque están afeitos a ser un, sobrevivirán por iso”.

Entre a onda e a rocha xa fixo parte da programación do último festival de cine de Ourense e na Seminci de Valladolid, entre outras.

«Entre a onda e a rocha»

Manuel Logar, director e editor

Produción: ESCAC Barcelona e Schonwald & Logar
Ano: 2017
Pase no CINEUROPA: venres, 17 ás 17:30 horas na Sala NUMAX

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.