Cita co arte esta fin de semana en Fluindo no Lérez

Desenvolverase os días 9, 10 e 11 nas marxes do Lérez (Illa do Covo), na Casa das Campás e no Pazo da Cultura
Publicado por o día 07/06/2017 na sección de Eventos,Galicia,Pontevedra,Vigo

Cita co arte esta fin de semana en Fluindo no Lérez

A Concellaría de Cultura colabora na organización do programa Fluíndo no Lérez Encontro de Cultura: Arte e Natureza que se celebrará os vindeiros 9, 10 e 11 de xuño na Illa do Covo, na Casa das Campás, e no Pazo da Cultura en colaboración co Vicerreitorado do Campus de Pontevedra.

Nesta edición que leva por título “Hortus conclusus e a paisaxe creada” pretende traballar durante dous días nas marxes do río Lérez executando obras efémeras e respectuosas coa natureza. A Casa das Campás tamén será sede deste Encontro de Cultura, xa que o venres 9 de xuño, ás 20.00 horas, Christian Villamide será o encargado de iniciar estas sesións artísticas coa conferencia Horturs conclusus e a paisaxe creada.

O sábado 10 e o domingo 11 de xuño, logo dunha selección previa, 20 artistas realizarán o seu traballo ao longo do río Lérez. O domingo, arredor das 12.00 horas, os artistas participantes amosarán o seu traballo e explicaranno.

Os vinte artistas estarán coordinados por Carme Hermo, Antón Sobral (coordinadores de Encontro de Cultura: Arte e natureza), e Christian Villamide, que ás 18.00 horas do sábado porán en común, xunto aos participantes, as súas experiencias no Pazo da Cultura.