Cita co folclore este sábado día 16 da man do XXII Festival Algazara

Extremadura e Castilla y León estarán presentes no auditorio municipal ás 19:30 horas
Publicado por o día 12/11/2019 na sección de Galicia,Ponteareas

Cita co folclore este sábado día 16 da man do XXII Festival Algazara

A concellería de Cultura que dirixe Fernando Groba presenta o XXII Festival Algazara organizado pola agrupación folclórica Algazara de Celeiros.

O vindeiro sábado 16 de novembro o auditorio municipal acollerá a partir das 19:30 horas as actuacións da Asociación Cultural Tío Babú do concello de Toro, en Zamora, e a actuación da Asociación de Corpos e Danzas de Barbuquejo, de Cabeza del Rey en Badajoz. Como cada ano, a Agrupación Folclórica Algazara de Celeiros será a encargada de pechar este festival que pón en valor os bailes e músicas tradicionais e difunde o traballo das agrupacións que a diario fan pervivir este legado da nosa cultura.

Tío Babú é unha asociación que realiza unha intensa labor de formación nas modalidades de canto, “jota” e pandeireta ofrecendo cursos para tódalas idades e contribuíndo na difusión da súa cultura coa participación en festivais tradicionais de toda España.

Aínda que a Asociación de Corpos e Danzas de Barbuquejo, de Cabeza del Rey en Badajoz foi fundada no ano 1979, ten a súa orixe no ano 1940 cando se presenta o Grupo de Coros e Danzas de Badajoz. Esta asociación é a entidade extremeña que ten realizado a maior difusión dos valores culturais de Extremadura con presenza en acontecementos de todo o mundo.

Pechará o acto a agrupación organizadora, Agrupación Folklórica Algazara de Celeiros, que dende o ano 1997 traballa na recuperación da tradición musical e de danza deixando o seu legado as novas xeneracións. Esta agrupación ten grupo de baile, gaiteiros e pandereteiros. Ademais desta mostra de folclore nacional, no verán organiza o festival de folclore internacional “Algazara Danzando entre Culturas” onde participan grupos dos cinco continentes.

A Concelleira de Cultura convida a desfrutar totalmente de balde dunha cita de encontro coa riqueza folclórica froito de anos de investigación. As asociacións e grupos que se suben cada ano ao escenario do auditorio municipal fan un intenso traballo de divulgación do coñecemento dos traxes, danzas e cantos propios de cada cultura, promoven estas manifestacións artísticas que engrandecen as poboacións e estimulan o gusto e a sensibilidade polos valores folclóricos.