Clamor para urxir as axudas sociais: “Xunta, Concello, o mesmo cortello!”

Publicado por o día 22/08/2014 na sección de Vigo

Clamor para urxir as axudas sociais: “Xunta, Concello, o mesmo cortello!”

Decenas de persoas concentráronse novamente ás portas do Concello de Vigo.

rsp2Mensaxes despeseradas exixindo a Concello e Xunta que prioricen a atención das necesidades sociais foron o leitmotiv da concentración que esta mañá decorreu na Praza do Rei. Na convocatoria, promovida pola Asemblea de Movementos Sociais, na que participaron representantes da CIG, BNG, Podemos e CxG, fixeron un chamado ás administracións municipal e autonómica a poñeren atención preferente na situación de emerxencia social que padece un número moi importante de familias.

Serafín Otero

“Señor Alcalde, menos escaleiras mecánicas, o que queremos é comer” clamaron, entre berros de “Xunta, Concello: o mesmo cortello” e “PSOE, PP: a mesma merda é”, entre outras consignas. O colapso na tramitación das Axudas de Emerxencia Municipal e no RISGA, xunto coas demoras na atención nos servizos sociais foron os aspectos denunciados. A pesar de llo reclamar a berros, nin o Alcalde nin ningún integrante do Goberno municipal se achegou até os manifestantes.

rsp4A desta mañá foi a segunda convocatoria tras a concentración realizada no mesmo lugar e con iguais obxectivos o pasado 14 de agosto. As entidades organizadoras expresaron o seu compromiso por manteren a loita e anunciaron que desenvolverán novas accións de protesta proximamente.

 

Vídeo

Imaxes: Roberto Solano